O Concello e a Universidade de Vigo poñen en marcha o Observatorio da Vivenda
Abel Caballero explicou que o ente municipal está “iniciando os procesos e expedientes para adquirir inmobles do mercado libre que se poidan incorporar ao parque público de vivendas de alugueiro”.
“O próximo martes imos aprobar un convenio coa Universidade para por en marcha o Observatorio da Vivenda en Vigo”, iniciou o seu relato o rexedor, explicando que “necesitamos ter un coñecemento perfecto de forma continua de como está a vivenda”. Entre os obxectivos está o diagnóstico do mercado da vivenda, monitorizar a evolución, ofertar medidas de corrección ou coñecer a situación do stock da vivenda na cidade, entre outros.
O convenio establece a formalización dunha comisión de seguimento con 4 membros (dous profesores da universidade e 2 membros da administración local) e o Concello de Vigo aportará 45.000€ anuais. Como explicou Caballero, “explicarán, contestarán e publicarán periodicamente toda esta información” e destacou que “é un documento excepcional, que nos ten que guiar para a corrección e para o coñecemento detallado do mercado da vivenda na cidade”.
Parque de vivendas en alugueiro
Abel Caballero explicou que o ente municipal está “iniciando os procesos e expedientes para adquirir vivendas do mercado libre que se poidan incorporar ao parque público de vivendas de alugueiro”. Nestes intres o Concello xa conta cun borrador do prego de condicións e o presuposto será de 2,5 millóns.
A vivenda ten que ter un prezo máximo de 180.000 € e aqueles que o desexen poderán realizar a súa oferta a través da Xerencia de Urbanismo, posteriormente, os técnicos municipais farán unha taxación. A iniciativa estará en marcha ata o 31 de decembro do ano 2026.