O Goberno municipal aproba os proxectos de humanización das rúas Doutor Carracido e Mondariz por 3,5 millóns
Caballero deu conta da aprobación dos proxectos para humanizar as rúas Doutor Carracido e Mondariz, así como a licitación do aparcadoiro de Manuel Cominges, en Matamá. As tres intervencións conlevan un investimento de 4.744.318 euros.
Abel Caballero detallou que a mellora da rúa Doutor Carracido contará cun investimento de 2.800.000 euros. A humanización prevé mellorar todos os espazos peonís coa ampliación das beirarrúas, así como renovar as redes de servizos, o pavimento, a iluminación e o mobiliario urbano, entre outras obras.
As obras realizaranse nun prazo estimado de 12 meses, apuntou o alcalde ao destacar que a rúa Doutor Carracido contará cunha humanización “en altísimo estandar na cidade”.
Rúa Mondariz
As obras de humanización da rúa Mondariz, que conlevan a actuación nun espazo de 140 metros, contarán cun investimento de 780.000 euros.
O proxecto inclúe a renovación de todo o pavimento, a ampliación das beirarrúas para facilitar o paso dos peonís, así como a creación de espazos públicos de calidade nas proximidades do colexio Seis do Nadal, a instalación de novo mobiliario urbano e de elementos vexetais e a reordación de todo o aparcadoiro.
“Vai ser unha nova humanización con moita calidade en Vigo”, recalcou o alcalde.
Aparcamento Manuel Cominges
O Goberno municipal aprobou hoxe a contratación das obras de construción do aparcamento da rúa Manuel Cominges en Matamá, fronte ao colexio Josefa Alonso, por 1.164.000 euros. Caballero explicou que o estacionamento contará con 123 prazas en batería e 4 prazas para persoas con mobilidade reducida. O Concello de Vigo renovará todas as redes de servizos e de iluminación pública, ademais de crear novas zonas axardinadas.