Escoitar

Vigo amplía a súa colección de Laxeiro coa “Barca espacial”

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres á adquisición desta obra de Laxeiro para incorporala á exposición permanente de arte galega do Concello.

venres, 31 out 2025

O alcalde explicou que esta acción enmárcase na política do Goberno municipal de continuar adquirindo obras de arte “para a cidade”. Pasará a formar parte da exposición permanente da colección de arte galega e supuxo un investimento de 120.000 euros.

“Barca espacial” é un óleo sobre lenzo pintado por Laxeiro en Bos Aires, no ano 1961. É unha obra de grandes dimensións, que mide 139x205 centímetros e que se atopa en “moi bo estado de conservación”.

Tal e como referiu Caballero, o director artístico da Fundación Laxeiro considera que a obra é “unha dos cumes da súa carreira, que foi realizada nun momento de plena madurez, estabilidade e prestixio profesional”. Así, considérase unha das 26 obras chave do pintor, das 3.581 catalogadas “e queremos que formen parte do patrimonio cultural e artístico do Concello”.

O rexedor sinalou que o Concello dispón dunha das mellores coleccións de arte galega da comunidade, sendo a colección de Laxeiro a mellor representada de toda Galicia, tanto por número de obras como polo representativas que son. Neste momentos, hai obra do pintor no Pazo de Castrelos, na Pinacoteca e na propia Fundación Laxeiro.

 

Descargar todas as imaxes