Escoitar

O orzamento da Xerencia de Urbanismo ascenderá a 11,7 millóns en 2026

O alcalde avanzou unha suba dun 12% nas contas da área de Urbanismo de cara ao que ano que vén, cunha cifra que alcanza os 11,7 millóns. A vivenda será o eixo fundamental deste orzamento, tal e como explicou Abel Caballero.

venres, 17 out 2025

A Xerencia de Urbanismo contará o ano que vén cun orzamento de 11,7 millóns, un 12,31% máis que o exercicio anterior. Estas contas permitirán continuar e finalizar os procedementos de expropiación para adquisición de instalacións e equipamentos públicos, como os de Bembrive, Oia, Coruxo, Candeán, Párroco don Camilo ou Panificadora.

A Oficina de Rehabilitación contará con case 415.000 euros para avanzar nos programas de axudas para actuacións de rehabilitación por barrio e nas accións nos 8 ámbitos de Aris.

Caballero avanzou que se continuará cos traballos de revisión do Plan do Ensanche, adicaranse 326.000 euros á redacción do proxecto de execución do edificio dotacional e residencial de Barreiro, 1,8 millóns á construción dun edificio de 27 vivendas para alugueiro social en Tomás Alonso, ademais de proseguir co proxecto de urbanización do Parque Central para a construción de 200 vivendas en Santa Cristina. En total, o goberno local promoverá 227 vivendas sometidas a algún tipo de protección.

O Concello seguirá desenvolvendo en 2026 Programa Vigo aluga, con 700.000 euros para a Bolsa de alugueiros municipais e 220.000 euros para axudas de accesibilidade para a adecuación de vivendas baleiras destinadas a incorporarse ao fondo de alugueiro.

O contrato de mediación para alugueiro social estará dotado con 100.000 euros e as achgegas de accesibilidade en edificios distribuirá 60.000 euros.

As contas da Xerencia de Urbanismo inclúen este ano 45.000 euros para un convenio coa Universidade de Vigo para o financiamento do “Observatorio da vivenda en Vigo”.

 

Descargar todas as imaxes