Escoitar

Vigo avanza no Plan de Acción contra o Ruído

O alcalde anunciou hoxe a aprobación da revisión do Plan de Acción contra o Ruído, un instrumento clave para seguir “avanzando cara a unha cidade máis sostible, habitable e accesible”.

venres, 17 out 2025

Unha vez publicada a revisión no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abrirase un prazo dun mes para a presentación de alegacións, tras o cal se elaborará o proxecto definitivo conxunto.

De cara aos próximos cinco anos, o alcalde avanzou que “partimos dunha previsión inicial de 26 millóns de euros en investimentos contra o ruído, pero imos superar os 100 millóns, destinados fundamentalmente a novas humanizacións, proxectos de Vigo Vertical...”. Amais, lembrou o compromiso do Concello coa mellora do confort acústico da cidade. “Entre 2008 e 2012 investimos 75 millóns de euros en 80 actuacións que contribuíron significativamente a reducir o ruído urbano. Posteriormente, entre 2013 e 2024, destinamos 100 millóns de euros en 170 actuacións, como humanizacións, ampliación de beirarrúas, reasfaltados e instalación de pavimentos que reducen o impacto acústico de forma notable”.

Entre as medidas específicas recollidas no plan, Caballero salientou as actuacións previstas nas zonas de baixas emisións, onde se limitará a velocidade a 20 km/h. Tamén se adoptarán actuacións en contornos como a Gran Vía, a VG-20 ou a rúa Arquitecto Antonio Palacios, co obxectivo de reducir a velocidade e mellorar o confort acústico. “Implantaremos asfaltado acústico na  maioría das rúas e continuaremos coa peonalización do contorno da Porta do Sol”, engadiu.

Caballero tamén anunciou que o Concello está a estudar medidas a medio e longo prazo, como restrinxir a circulación de vehículos pesados, reducir a velocidade a 20 km/h nas zonas de alta concentración de persoas e mellorar a sinalización viaria. A Avenida de Madrid, indicou, “será un exemplo de redución do ruído e de prioridade peonil”.

Segundo explicou o alcalde, estas medidas permitirán que a metade da poboación de Vigo vexa reducido de forma importante o nivel de ruído ao que está exposta. “Queremos seguir mellorando o son da cidade. As cidades da metade do século pasado non son as actuais, e en Vigo levamos tempo adiantándonos a ese cambio. As humanizacións van nesa dirección”, afirmou.

O alcalde lembrou ademais que, segundo o operador turístico Altezza Travel, Vigo é a terceira cidade de España con menos ruído. “Isto é moi importante, porque demostra que estamos a actuar e que imos na boa dirección”, concluíu.

Descargar todas as imaxes