Escoitar

A Fundación Laxeiro acolle a terceira entrega de Un berro polas Belas Artes

A Fundación Laxeiro inaugura a terceira entrega do ciclo que, co título xenérico Un berro por Belas Artes, programa anualmente en colaboración coa Universidade de Vigo, no que participa alumnado, graduados e profesorado con vinculación pasada ou presente coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra. En Interaccións. Espazo, Corpo e Obxecto, a comisaria Basilisa Fiestras proponnos unha mirada á escultura contemporánea.

xoves, 16 out 2025

Na rolda de prensa de presentación participaron esta mañá a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, a vicerreitora de extensión universitaria Susana Reboreda, a comisaria da mostra Basilisa Fiestras e o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, quen abriu o acto dando a benvida e dicindo que para a Fundación Laxeiro o ciclo Un berro por Belas Artes no que se insire a exposición, é un motivo de orgullo pola colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Laxeiro que posibilita a realización de exposicións con artistas e comisariados vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra que nestas tres edicións foron proxectos de gran calidade moi vencellados ao pensamento artístico contemporáneo. Agradeceu a Susana Reboreda, a implicación do Vicerreitorado no proxecto, posibilitando, a partir de agora, a realización dun catálogo en cada edición e tamén tivo palabras de felicitación para a comisaria Basilisa Fiestras, polo traballo tan ben realizado e a profesionalidade demostrada durante o proceso de xestación e montaxe da exposición.

Basilisa Fiestras agradeceu á Fundación Laxeiro, ao Concello de Vigo e á Universidade de Vigo, a confianza depositada nela ao encargarlle o proxecto expositivo que, dixo, se basea no tema da súa investigación, a relación da obra de arte coa contorna e o espectador e a superación da observación para chegar a unha situación de interacción entre a obra e o público. A vicerreitora de extensión universitaria dixo que estaba orgullosa de proxectos como este que, realmente dan sentido á idea de extensión universitaria e gabou ás persoas que, dende as facultades, fan posible esta integración da universidade na sociedade.

Pechou o acto Carmela Silva que felicitou á Fundación Laxeiro e á Universidade por esta colaboración e, sobre todo, á comisaria Basilisa Fiestras, porque, dixo, a coñece dende hai moitos anos e sabe que o seu traballo sempre se fai dende a sensibilidade e dende a intelixencia. Quixo tamén ter unhas palabras para Laxeiro e a súa solidariedade co alumando de Belas Artes para o que realizou en 1993 a pintura titulada Un berro por Belas Artes, que dá título ao ciclo, dentro das protestas reivindicativas dun edificio para a facultade de Belas Artes. Ao acto tamén asistiron concelleiro de Cultura e membro do padroado da Fundación Laxeiro Gorka Gómez, a Vicepresidenta da Fundación Laxeiro, Paula García-Suárez, o Secretario xeral do Padroado, Carlos García-Suárez e o vicedecano da Facutlade de Belas Artes Ignacio Pérez Jofre.

 


Interaccións. Espazo, Corpo e Obxecto proponse como un percorrido polas diversas interaccións do espectador co obxecto escultórico. Citando a Juhani Pallasmaa, miramos, tocamos, escoitamos e medimos o mundo con toda a nosa constitución e existencia corpórea- e esa implicación física, é rescatada no territorio escultórico como unha sorte de participación entre o obxecto e o corpo.

Manipular a obra, participar e implicar o corpo e o tempo na escultura. Entender a escultura non como un obxecto estático, senón como un acontecemento, no que o espectador adquire un papel decisivo. Presentar o obxecto como unha extensión do individuo. Asimilar o espazo como un lugar de exploración e transformación polo corpo do artista, ou reformularse o rol do espectador oscilando entre observador, testemuña, protagonista e mesmo, en certo xeito, coproductor. Son algunhas das formulacións que se buscan nesta exposición, onde a interacción é abordada desde diversos graos e intensidades.

-Pasen, xoguen e gocen-

Con estas palabras, os artistas Román Corbato e Miguel Benjumea propóñennos e convidan a unha participación e implicación directa coa súa obra – Homo Ludens –. Un gran elemento inchable vermello, preséntase como un obxecto creado e concibido para a súa manipulación, a través do peso e movemento do corpo do espectador, esta peza está supeditada ao cambio e a deformación. A obra transforma a sala expositiva nun lugar de múltiples situacións e posibilidades, no que o azar, o fugaz, o instantáneo, o inesperado e o tempo son características indisolubles do resultado. Un acontecemento lúdico ao dispor da interacción e da experimentación.

Esta idea de manipulación tamén a atopamos no ready-made, Welcome to Kassel, do artista Suso Fandiño. No que nos presenta un tren de xoguete que transita nun circuíto pechado circular, que atravesa o catálogo de Documéntaa III de Kassel. Con esta peza, e a disposición de todos o obxectos que a constitúen e baixo unha aparencia amable, que nos remite á nenez, o artista convídanos a buscar lecturas ocultas e significados velados; unha estratexia que se repite noutros ready-mades do autor, propoñéndonos unha participación activa perante a interpretación de cuestións relativas ao sistema do mundo en xeral e da arte en particular.

A práctica artística de Manuel Balsas sitúase en diversas liñas de investigación entre o escultórico e o pictórico, onde o azar adquire un papel determinante. O autor recorre aos materiais de refugallo recolleitos no transitar pola cidade, para presentalos a partir da súa manipulación e ensamblaxe como vestixios e testemuños dos lugares onde estaban dispostos. Estas pezas son presentadas como artefactos suspendidos que responden á presenza do espectador xerando leves movementos. A interacción co corpo é mínima pero constante e as estruturas móbiles van redibuxando o espazo expositivo.

A artista María Roja concibe principalmente o seu propio corpo como base estrutural e elemento esencial no que ancorar as súas propostas, presentándoo como un corpo activo, un lugar de posibilidade. María entende a concepción do corpo como un espazo de creación susceptible ao cambio, para deterse na primeira capa que o envolve -a pel- ofrecéndoa como superficie simbólica, como unha cartografía repleta de grafismos debuxados polo paso do tempo. Estes trazos son completados na acción - Pequeno asterismo para epiderme boreal- realizada en colaboración coa súa irmá Carla Rodríguez, mediante a realización de tatuaxes que debuxan marcas permanentes, que se nos revelan como constelacións, nunha necesidade de fixar o tempo nun espazo.

Na súa acción explora o espazo expositivo, a peaña que é abordada, abrazada e invadida polo corpo da artista, nun diálogo cuxo fin último é a experiencia física dun corpo vivo enfrontado ao obxecto.

Ese encontro de corpos é recollido na obra de Isis Huerga, desprazándoo ao espazo do obxecto creado, para introducirnos, a través do seu traballo, nas relacións persoais que constrúen espazos como o fogar. Para iso, utiliza e enfronta materiais que pertencen á súa contorna máis íntima e persoal, como o tecido –relacionado coa configuración da casa a través das vivencias, a memoria e as relacións-, e mestúraos con elementos estruturais de sustento e unión, como son os puntais e cinchas de amarre –asociados á construción arquitectónica-.

Os volumes-corpo, estruturas biomorficas e brandas, envólvense e repousan en obxectos fríos e duros, un xogo de relacións entre o orgánico e o arquitectónico, o corporal e o construtivo. Masas de material nas que, dalgunha maneira, podemos atoparnos.

Os artistas que participan na exposición pertencen a diversas xeracións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde as primeiras promocións de licenciatura,como é o caso de Suso Fandiño, ata as promocións máis recentes, como acontece con Isis Huerga.

Descargar todas as imaxes