Escoitar

O alcalde reclama celeridade na construción de vivenda protexida no ámbito do Ofimático

Caballero censurou esta mañá a “lentitude” coa que a Xunta está a tramitar o proxecto urbanístico do Ofimático no que non se vai construír a primeira vivenda ata dentro de 15 anos. Ademais, segundo a documentación presentada pola administración autonómica, a previsión é priorizar a vivenda libre, en contra das directrices do PXOM.

mércores, 15 out 2025

O alcalde criticou esta mañá a dilación coa que a Xunta de Galicia está a tramitar o proxecto urbanístico do Ofimático, situado na Avenida de Madrid. Na súa opinión, o goberno autonómico anunciou unha celeridade que non está a cumprir a pesar das facilidades do Concello para construír vivenda neste ámbito. Os dous condicionantes que debería cumprir é axilizar a tramitación e o cumprimento do Plan Xeral.

Caballero referiuse ao incumprimento das determinacións do PXOM sobre vivenda protexida, dado que, segundo a súa planificación, comezarán construíndo máis vivendas libres que protexidas. O Concello esixe que se respecte o 100% da vivenda protexida que o Plan Xeral fixa para o sector. Ademais, engadiu, a ordenación proposta incumpre, sen xustificación, o número de plantas recollido polo Plan para ese ámbito. Nos edificios de vivenda libre establécense 12 plantas fronte á consideración do planeamento vixente que establece 6 alturas como máximo. O rexedor censurou que “as vivendas de mercado constrúeas calquera. A Xunta quere empezar pola vivenda libre e iso non é o que interesa á cidade”. Neste punto, reclamou á Xunta que priorice e acelere a construción de vivenda sometida a algún tipo de protección e lembrou que hai 7.000 demandantes de vivenda pública en Vigo.

Ao igual que sucedeu en Navia, lembrou, a Xunta tardará 15 anos en elevar a primeira vivenda, o que supón un verdadeiro “escándalo”. Neste punto, propuxo que o goberno autonómico abandone o proxecto para que o xestione o Concello a través da Empresa Municipal de Vivenda. “Actuariamos a toda presa, respectando o PXOM e priorizando a vivenda protexida”, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes