O rexedor eloxia a traxectoria da Editorial Galaxia no seu 75 aniversario
Abel Caballero participou esta mañá na presentación do libro infantil “Unha Galaxia Viguesa”, unha iniciativa enmarcada dentro da conmemoración do 75 aniversario da Editorial Galaxia. Acompañado polo director, Xosé Manuel Soutullo, o alcalde saudou ao alumnado de 5º y 6º de Primaria de distintos centros educativos que esta mañá visitaron o Auditorio Municipal ao que animou a adentrarse no mundo da lectura. Durante o acto, no que tamén participaron o escritor, Marcos Calveiro, e a ilustradora, Mara Méndez, Caballero louvou a traxectoria dunha empresa editorial comprometida co territorio e coa súa lingua. A colaboración entre Concello e Galaxia permitirá a distribución de 10.000 exemplares desta publicación entre os distintos colexios da cidade.