O Concello reclamará pola vía xudicial á Xunta a devolución do edificio do antigo colexio Virxe do Rocío
O alcalde anunciou este martes que o Concello reclamará pola vía xudicial á Xunta a reversión do antigo edificio do colexio Virxe do Rocío para desenvolver o proxecto municipal que transformará as instalacións sin actividade docente nun centro sociocultural destinado ao uso da veciñanza de Coia. “Queremos facer un centro social para a xente”, afirmou.
Abel Caballero lembrou hoxe á Consellería de Educación que está “obrigada” a devolver ao Concello o antigo colexio Virxe do Rocío porque non hai actividade docente desde o ano 2012. “A Xunta non nolo devolve. Alí está, medio morto de risa e con actividade que non ten nada que ver coa docencia que é para o que foi cedido o edificio e díxonos que non”.
O pasado mes de xullo o Concello volveu reclamar á Xunta a desafección das instalacións como infraestrutura educativa, segundo lembrou o rexedor, que explicou que o Concello proxecta dotar á zona de Coia onde se asenta o antigo colexio dun “centro social” destinado a actividades culturais e veciñais e que a Xunta “non quere” que se poña en marcha o proxecto pensado para a veciñanza do barrio. “É o que sucede coa Xunta en Vigo: o que é deles quedan con el e o que é noso moitas veces tentan quedalo tamén, entre comiñas e de forma simbólica, case case que un roubo político como sucedeu no edificio dos xulgados e agora co colexio”.
Caballero afirmou que ante a negativa da administración galega o Concello recorrerá aos tribunais “e gañarémoslle outra vez”.