Escoitar

O alcalde esixe á Xunta o nomeamento dun avaliador imparcial para taxar o Ifevi

Abel Caballero censurou este martes a actitude do Goberno autonómico que non cumpre co acordo de nomear un taxador independente dos activos de cada administración e poder configurar así o novo padroado do recinto feiral, permitindo que Zona Franca asuma o custo da ampliación.

martes, 14 out 2025
O alcalde na inauguración de Conxemar 2025
O alcalde na inauguración de Conxemar 2025

“É importantísimo e fundamental que o Ifevi se amplíe para que veñan todos aqueles que queren a Conxemar e Zona Franca está disposta a poñer 20 millóns de euros para facelo”, explicou o rexedor, apuntando a necesidade de nomear un “taxador imparcial acordado polas tres partes”: Xunta de Galicia, Concello e Zona Franca, un extremo que xa quedara acordado anteriormente.

Esa avaliación externa é necesaria para valorar os activos de cada administración no recinto feiral e supón un paso necesario para que Zona Franca poida acceder ao Padroado. Engade Caballero que a situación require a constitución dun “novo padroado no Ifevi, disolvendo o actual e nomeando outro. Márcao a lei”, que establece que hai que valorar os activos para disolver o actual padroado.

Segundo expuxo o alcalde, o Concello é propietario da maior parte das instalacións do Ifevi: os pavillóns 1 e 2, o solo dos pavillóns 3, 4 e 5, a entrada, os aparcamentos e as oficinas, mentres a Xunta ten os pavillóns 4 e 5. Isto non coincide coas cifras que manexa o Goberno autonómico que ten afirmado que a Xunta investiu 31 millóns de euros e o Concello 1,6 millóns. Por iso, Caballero urxe o nomeamento dun avaliador imparcial que realice unha taxación dos activos, augurando que a Xunta “non quere unha taxación porque o resultado dará que o dono masivo do Ifevi é o Concello”.

Con todo, o alcalde lembra que a obriga de ampliar o recinto feiral é da Xunta de Galicia pola actividade que desenvolve o Ifevi e que nestes momentos preside o Padroado con 8 representantes máis mentres o Concello ten soamente un. “Pero como a Xunta non fai a ampliación faraa Zona Franca porque somos xenerosos”.

“Rueda quere que en Vigo fagamos nós as obras”, criticou Caballero, poñendo en valor a colaboración municipal con outras administracións como o Goberno de España con quen ten desenvolvido proxectos tan importantes como a Avenida de Madrid, as zonas baixas emisións, ramplas mecánicas, a rexeneración do paseo de Samil, o Pazo da Raposeira... “Claro que en Vigo se poden facer cousas e o Goberno de España axuda pero de fondos europeos da Xunta para infraestruturas en Vigo recibimos cero euros e do Goberno ducias de millóns”.

 

Descargar todas as imaxes