Caballero congratúlase polos avances do Ministerio de Transportes na conexión Vigo – Porto
O Ministerio adxudicou onte martes por 835.384 euros os estudos do Eixo Atlántico entre O Porriño e a fronteira portuguesa. Estudarase dar continuidade ao trazado que se atopa en desenvolvemento da saída sur de Vigo.
Abel Caballero explicou esta mañá que seguimos con boas noticias no AVE Vigo – Porto, xa que onte o Ministerio de Transportes adxudicou os estudos do Eixo Atlántico entre O Porriño e a fronteira portuguesa por un importe de 835.384 euros. O contrato inclúe o estudo de viabilidade, cun estudo de demanda e un análise custo beneficio; e o estudo informativo, para o seu sometemento a información pública.
Os estudos darán continuidade ao trazado que se atopa en desenvolvemento da saída sur de Vigo. Para iso, os traballos estrutúranse en dúas fases:
- Estudo de viabilidade, que incluirá unha análise preliminar de alternativas, un estudo de demanda e unha análise custo-beneficio desde unha perspectiva socioeconómica, co fin de apoiar a toma de decisións sobre a actuación.
- Estudo informativo, incorporando a análise das distintas alternativas de trazado co nivel de detalle necesario para o seu sometemento a información pública, avaliación de impacto ambiental e a súa aprobación
Este estudo representa un novo avance na construción dunha conexión internacional estratéxica para Galicia, España, Portugal e Europa, ao dar continuidade ao Eixo Atlántico de alta velocidade. Aínda que o rexedor sinalou que “para definir este trazado temos que ter o acordo sobre o punto de enganche con Portugal e o certo é que Portugal vai moito máis lento que España”, como afirmou o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, explicando que “Cando Portugal chegue a Valença, nós estaremos esperando en Tui”.
Caballero referiuse ao presidente da Xunta sinalando que lle gustaría “que Rueda felicitase ao Ministerio de Transportes porque está a cumprir o compromiso adquirido co Concello de Vigo e con este territorio”, pero “non o fai”. Tamén aproveitou para reclamarlle que se reunirá co presidente de AENA “porque hai avións que se van de Santiago” pero “cando se foron de Vigo non se reuniu con ninguén” porque a nosa cidade “dálle exactamente igual”.