O XV Festival Kerouac inunda Vigo de poesía
Baixo o lema “A poesía é una faro”, a cidade acolle durante catro días presentación de libros, performances multimedia, proxección de documentais, concertos na rúa e actuacións en museos.
O alcalde participou este mércores na presentación do XV Festival Kerouac xunto a Marcos de la Fuente, poeta e director do evento; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura e María Lago, concelleira de Turismo.
Abel Caballero celebrou a consolidación desta cita logo de quince anos de traxectoria como “unha experiencia extraordinaria e un festival irrenunciable”.
O XV Festival Kerouac: a poesía é un faro comeza este mércores e desenvólvese ata o sábado 18 de outubro consolidado como un dos grandes encontros poéticos e artísticos da Península. Vigo será espazo de reunión de poetas, performers, músicos e artistas visuais chegados de diferentes partes do mundo.
Para Marcos de La Fuente, o festival converte a Vigo durante catro días nunha cidade poética: “a poesía é un valor, fai medrar a cidade, pode traer xente a ela e o festival conecta Nova York con Vigo”, onde tamén se celebra esta cita porque alí residen varios dos poetas da organización. “A poesía tende unha ponte que conecta Vigo e Nova York, que cruza o Atlántico e trae e leva poetas”.
Co desexo de que “a poesía inunde Vigo”, o director do festival puxo en valor os 15 anos de traballo promovendo a cultura e a poesía e augurou que seguirá medrando.
O programa destes días é o que segue:
-Mércores 15 de outubro · Auditorio do Concello de Vigo, 19:30h.
A apertura oficial coa presentación do proxecto El Poeta vs La Máquina, un libro de poesía do futuro, unha obra expandida construída en Nova York por catro creadores vigueses: Ismael Faro, Mariel Martínez, Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente. Este libro, editado por Editorial Elvira, é unha mostra de como a poesía pode dialogar coas tecnoloxías do século XXI e abrir camiños de experimentación estética.
Tras a presentación, terá lugar unha mesa redonda sobre IA e creatividade, onde artistas, tecnólogos e poetas compartirán reflexións sobre o papel das máquinas na creación artística e no futuro da palabra. Participan: Marcos Mosquera, de Galicia Artificial, Dani Rivera, de Nauta Estudio, Xabier Romero, de Editorial Elvira e Marcos de la Fuente, autor do libro.
- Xoves 16 de outubro · Multicines Norte, 19:30h.
Proxección en primicia do documental road movie “Sal and Dean: tras los pasos de Kerouac”, unha peza que recorre as estradas dos Estados Unidos, nunha viaxe inspirada pola Xeración Beat, onde dous músicos madrileños se somerxen nunha máquina do tempo que é un acto de amor por esa América perdida chea de iconografía lendaria, de personaxes imposibles que cobran vida. Ao remate, charla co produtor Jordi Carbonell e a directora Rosa García.
- Venres 17 de outubro · Marquesiña do Corte Inglés, 19:30h
Unha xornada marcada pola diversidade de estilos e voces, coa participación de:
. Malvares: artista galego de rap que combina rima e compromiso social, acompañado de varios invitados na presentación das súas novas cancións.
. Verdeoir: o novo proxecto da poeta e xornalista Noelia Gómez co músico Rui Granha, que mestura poesía e música de guitarra, explorando novas formas de oralidade poética.
. Najla Shami: cantante e compositora galego-palestina que fusiona música tradicional, jazz e canción de autor.
. Nueva Tragedia: novo proxecto musical liderado polo vigués e madrileño de adopción Miguel Marcos (Le Voyeur) xunto aos músicos Pablo Valero, Raquel Lamas, Jesús Arroyo e Pablo E. Fernández. A súa música combina rock e electrónica, cunhas letras que conectan a mitoloxía pop coa emoción contemporánea.
-Sábado 18 de outubro · Museo MARCO, 19:30h
Xornada central na que o poeta e director do festival, Marcos de la Fuente, será o encargado de presentar e guiar os actos.
.La Sole & El Hombre Viento: presentan 3nigma, un traballo que fusiona underground, rap e electrónica con narrativas íntimas e coidadas, expandindo as fronteiras entre xéneros. Será parte da xira presentación do seu novo traballo, moi influenciado pola xa desaparecida artista Gata Cattana.
.Olalla Cociña: poeta galega recoñecida con premios como o Avelina Valladares (2004) e o Fiz Vergara Vilariño (2008). A súa obra explora a memoria, a experiencia feminina e a linguaxe poética como espazo de resistencia.
.Annalisa Marí Pegrum: a poeta e tradutora presenta en primicia unha performance multisensorial que recupera a voz da poeta Beat Lenore Kandel e o espírito rebelde do seu mítico e prohibido durante moitos anos, o libro The Love Book, reivindicando a liberdade sexual e espiritual como forza transformadora e de ponderación da muller.
. Alberto Avendaño & Manolo Romón presentan MOLOTOV, unha proposta híbrida de poesía e multimedia que converte o libro nun obxecto vivo en diálogo coa memoria política e a tecnoloxía. Promete ser unha viaxe no tempo chea de rebelión poética.