Caballero garante a auga a Baiona e insta á Xunta a cooperar na solución da seca
O alcalde mantivo unha reunión co alcalde de Baiona para abordar a complexa situación do subministro de auga no municipio, que se atopa a poucos días de quedar sen reservas. Sobre a solución futura, Caballero sinalou que toca avanzar co novo encoro augas arriba de Eiras e lamenta que tras solicitalo hai 14 anos aínda non comezasen as obras.
O rexedor vigués sinalou, con todo, que “as previsións meteorolóxicas apuntan con optimismo a chuvias a partir da próxima semana”e garantiu na xuntanza co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, o subministro de auga no caso de ser preciso.
Caballero explicou que “Baiona ten serias dificultades de subministro, pero en Vigo o encoro de Eiras está ao 47,7% da súa capacidade, o que garante auga para aproximadamente 90 días, que aínda así son moi poucos”. Así, lembrou que esta marxe de seguridade é posible “grazas á potabilizadora que Vigo construíu cun investimento de 23 millóns de euros, que nos proporciona moitos días adicionais de abastecemento”. O rexedor destacou a importancia da nova infraestrutura: “A auga de Eiras ten moito ferro, e cando o nivel baixa do 50%, a densidade de ferro aumenta. A antiga potabilizadora non era capaz de eliminalo, pero grazas á nova estación que pagou Vigo temos 90 días de auga; sen ela, teriamos entre 20 e 30”.
O alcalde lembrou o acordo existente entre o Goberno de España, a Xunta e o Concello de Vigo “para construír unha presa augas arriba de Eiras, que duplicaría a capacidade de almacenamento” e subliñou que “o nivel de chuvia na zona é moi alto, o problema é que hai que embalsala”. Así, propuxo reflexionar a toda a zona sobre o novo encoro e instou á cooperación da Xunta, co Goberno de España e o Concello de Vigo. “A posibilidade dunha seca que nos deixe sen auga é verosímil, pode pasar”, advertiu. En canto aos efectos ambientais, destacou que “serían nulos, pois as grandes presas de Extremadura teñen 3.000 hectómetros cúbicos e a de Vigo só 22. Un encoro pequeno non tería impacto, ademais de que a zona está deshabitada”.
Caballero tamén se referiu á posibilidade de bombear auga do Miño para Nigrán e Baiona, aínda que considera que “non é recomendable”. Segundo explicou, “a auga de Eiras é excepcional, mentres que a do Miño ten menor calidade e o bombeo é caro”.
“O paso máis importante xa está dado coa potabilizadora”, incidiu o rexedor vigués. “Agora toca avanzar co novo encoro augas arriba. A Xunta ten que sumarse ao acordo político, porque se o fixese xa teriamos comezado. É un proxecto que require tempo, e canto antes se empece, mellor. Eu teño présa, porque a solución estrutural pasa por ese novo encoro”, finalizou.