Escoitar

"O monstro de White Roses", este venres no Auditorio Municipal

A programación municipal de artes escénicas Vigocultura continúa esta fin de semana no Auditorio Municipal. Despois de tres aforamentos completos, este venres 17 de outubro, ás 20:00 h, sobe ao escenario “O Monstruo de White Roses”, a cargo da compañía madrileña El Aedo Teatro.

xoves, 16 out 2025
Cartel da obra
Cartel da obra

Trátase dun thriller psicolóxico, baseado en feitos reais, protagonizado por Víctor Palmero (coñecido, entre outros, polo seu papel de Alba Recio na serie La que se avecina) e Lucía Diez (que forma parte do elenco da serie de Netflix “La noche más oscura”). O texto e a dirección están a cargo de Jesús Torres (Premio Teatro 2019 Autor Exprés por Fundación SGAE por “Puños de harina”). Unha obra para reflexionar sobre o sensacionalismo, a manipulación mediática, a violencia, a síndrome de Estocolmo e a identidade. O caso da desaparición de Emily Dawson deu a volta ao mundo e estivo presente día tras día nos noticiarios e xornais, inaugurando a que se coñecería como a "década das desaparicións".

O sábado 18 é a quenda dos monólogos co espectáculo “Éche unha risa!”, presentado por Rafa Durán, que introduce a tres cómicos cun estilo persoal e unha visión única do humor: Arantxa Treus, Jazmín Abuín e Darío Mares. Un espectáculo fresco, divertido e diverso, que mestura stand-up clásico, retranca galega e historias persoais co obxectivo de provocar unha boa risa colectiva.

O domingo está destinado ao público familiar a cargo da prestixiosa compañía galega Sarabela Teatro, que presenta a súa obra “A Cincenta que non quería comer perdices”. A obra está baseada no conto de Nunilla López Salamero e coa dirección e versión escénica de Fina Calleja. A peza pon en cuestión o papel que xogaron na historia os contos de fadas nos que se acaba por promover o rol das nenas como entes pasivos agardando a que lles pidan a man. “A cincenta que non quería comer perdices" fala de temas tan de actualidade como a violencia de xénero, que segue sendo un problema entre os máis novos.

As entradas poderán adquirirse (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes):

A través da páxina web de Giglon: www.giglon.com
Na Librería Libros para soñar (Rúa Triunfo 1, baixo, Vigo), en horario de luns a venres de 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:30 a 13:30 horas.
O mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles)

Descargar todas as imaxes