Escoitar

O Concello abre a convocatoria para seleccionar os concertos de verán

“Damos luz verde a uns concertos únicos no mundo”, avanzou o alcalde este xoves, ao dar conta da publicación da convocatoria pública para seleccionar un mínimo de dez espectáculos para o vindeiro verán.

xoves, 16 out 2025

O Goberno de Vigo inicia a tramitación para conformar a programación de verán do 2026 coa publicación das bases da convocatoria pública para seleccionar os espectáculos do Auditorio de Castrelos e outras localizacións.

Abel Caballero explicou que serán un mínimo de 10 propostas artísticas, “que sempre son máis” e deben incluír variedade de estilos e abarcar todos os públicos. “Damos luz verde a uns concertos únicos no mundo: gratuítos, con grupos do maior nivel mundial en moitas ocasións e de nivel importantísimo en España coa característica da gratuidade, co que facemos accesibles os concertos a toda a cidade para favorecer as economías familiares”.

As promotoras e produtoras que se presenten á convocatoria participarán en réxime de concorrencia competitiva, poderán propoñer actuacións musicais, de danza, teatro, circo, maxia ou outras artes escénicas, tanto nacionais como internacionais, que deben ser de interese xeral e dar cobertura a unha maior diversidade de público obxectivo posible.

O espectáculo proposto deberá adaptarse ao espazo e as características técnicas do lugar da súa celebración, “Castrelos ou o lugar que decidamos” explicou o rexedor. Amais deberá respectar o sistema de venda de reservas a prezos populares e a existencia dunha bancada de acceso libre e gratuíto “unha diferencia que se aplica en Castrelos e na cidade nas accións desenvolvidas polo Concello”.

En canto ao resto dos requisitos, as produtoras ou promotoras deberán acreditar os dereitos de exclusividade da actuación do artista en Vigo na data proposta e comprometerse a non programar o mesmo espectáculo nun radio de 35 quilómetros. Os espectáculos terán unha duración mínima de 90 minutos e as datas serán compatibles co calendario de actuacións de Castrelos ou doutras localizacións previstas para o verán.

As propostas presentaranse a través do rexistro electrónico do Concello e o prazo de presentación manterase ata que se complete a programación.

En canto aos criterios de selección dos artistas, o Goberno municipal terá en conta a adecuación da proposta ao orzamento, a variedade de estilos e públicos; a traxectoria do artista ou grupo (premios nacionais e internacionais, discografía, xiras realizadas, número de seguidores en plataformas dixitais e redes), a produción a maiores que inclúa o proposta e o número de artistas propostos.

Seguridade museos e bibliotecas

O Goberno municipal vén de contratar o servizo de vixilancia de seguridade e de mantemento das instalacións de seguridade nos sete centros da rede de museos e bibliotecas municipais por un importe de 1.547.000 euros por un período de 2 anos. Os centros que se acollen a este contrato son o Museo Municipal Quiñones de León, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e as bibliotecas Juan Compañel e Neira Vilas. “Queremos que as actividades museísticas se desenvolvan en condicións de seguridade”.

Descargar todas as imaxes