O alcalde inaugura as II Xornadas Nacionais sobre Controis Oficiais no Tráfico Internacional de Mercadorías
Abel Caballero indicou hoxe, no acto de apertura das "II Xornadas Nacionais sobre Controis Oficiais no Tráfico Internacional de Mercadorías", a transcendencia de alcanzar a máxima eficacia na xestión dos portos, especialmente nun contexto marcado polos obstáculos do goberno de Estados Unidos ao comercio internacional por vía marítima.
O alcalde destacou este xoves ante o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, o delegado de Zona Franca, David Regades, e os xestores de portos españois que participan nas segundas xornadas sobre o tráfico internacional de mercadorías, a transcendencia de axilizar os trámites administrativos para facilitar o transporte dos produtos e potenciar a economía.
Caballero destacou o potencial económico de Vigo. “Somos economía e por iso temos tanto empeño en que funcione, porque é a nosa vida e porque é o que sabemos e queremos facer e por iso, todo o noso alento”, afirmou ante os participantes nas xornadas.
Vigo, peza esencial da rede nacional de portos
Ángel Víctor Torres destacou a coordinación entre os ministerios de Agricultura, Sanidade e Política Territorial para lograr a unificación dos controis nos 44 postos fronteirizos, “conseguindo así eliminar duplicidades e mellorando a calidade, a axilidade e a eficacia do servizo”, apostilou.
O ministro resaltou que Vigo supón unha peza esencial dunha rede de portos de gran relevancia estratéxica para o comercio internacional. “É o porto da alimentación, polo volume de importación de produtos de orixe animal e, sobre todo, por ser unha potencia mundial no sector pesqueiro”.