Escoitar

Caballero insiste en defender Vigo como sede de exames MIR

O alcalde recibiu unha carta da ministra de Sanidade, Mónica García, na que lle expón que o Ministerio fixo a proposta e a Xunta non presentou alegacións á supresión de Vigo como sede de exame para a Formación Sanitaria Especializada.

martes, 9 set 2025

Abel Caballero mostrou hoxe a súa firme oposición á decisión de suprimir a cidade como sede dos exames de Formación Sanitaria Especializada que o ano pasado realizaron case 600 aspirantes ao MIR.

O rexedor informou de que a Ministra de Sanidade lle remitiu unha carta explicando as razóns polas que Vigo perdeu esta condición, apuntando que a incorporación da cidade como sede tivera lugar de maneira excepcional durante a pandemia da COVID-19. O rexedor criticou con contundencia esta medida: “A proposta vén do Ministerio, pero eu quero esixirlle á ministra todas as explicacións do mundo. Cal é a razón? Con que criterio se adopta esta decisión agora?”

O alcalde destacou que na Comisión Nacional de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde se acordou darlles ás comunidades autónomas a posibilidade de presentar propostas e observacións. Nese contexto, outras comunidades –como ás que pertencen as cidade de Cáceres, Cádiz ou León– si formularon obxeccións e conseguiron que as súas cidades fosen incluídas de novo como sede. “A Xunta de Galicia non fixo ningunha proposta, nin emenda, nin presentou obxección algunha”, denunciou Caballero.

O rexedor cualificou os feitos de “gravísimos” e acusou directamente ao conselleiro de Sanidade de actuar contra os intereses da cidade: “O conselleiro debe considerar que Vigo non é Galicia, porque non defendeu que se mantivesen os exames aquí. Do mesmo xeito que se opoñen á creación dunha Facultade de Medicina en Vigo, tampouco queren que a cidade teña facilidades nin ocupe o lugar que lle corresponde”.

Caballero tamén criticou o silencio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen acusa de non defender os intereses de Vigo nesta cuestión. “A ministra é a primeira responsable, pero o conselleiro é responsable gravísimo. E tampouco escoito a Rueda defender a cidade, polo tanto tamén está en contra”, asegurou.

O alcalde avanzou que levará esta cuestión ao próximo Pleno e tamén a outras institucións: “En Vigo imos defendernos con todos os mecanismos democráticos ao noso alcance. Imos facer que se reverta esta decisión e que se poidan seguir realizando exames MIR na nosa cidade”.

Descargar todas as imaxes