Escoitar

As contas municipais de 2026 rondarán os 345 millóns, case un 3% máis que o actual exercicio

O Concello de Vigo contará o ano que vén cunhas contas que rondarán os 345 millóns de euros o que o sitúa como “o máis importante orzamento da historia da cidade”. Caballero avanzou incrementos destacados en ámbitos como política social, deportes ou no capítulo de investimentos.

venres, 5 set 2025

O goberno local xa está a traballar na elaboración dos orzamentos de 2026 para que poidan ser aprobados en tempo e forma, cumprindo coas regras fiscais. O alcalde anunciou que as contas municipais de 2026 rondarán os 345 millóns, o que supón un aumento de dez millóns respecto á actualidade, mantendo “débeda cero e a presión fiscal máis baixa de toda Galicia”.

Caballero destacou algunhas cuestións dos novos orzamentos, como a “importante” suba de 1,6 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) «porque a Xunta non paga o que debe». Tamén avanzou aumentos nas partidas para zonas verdes e xardíns, ou para o canon de Sogama que sube case un 70%, “un cañonazo en contra da cidade de Vigo, cun incremento que o Concello ten que repercutir”.

As contas de 2026 prevén un aumento da dotación para instalacións deportivas e aumentarán un 8% as subvencións de política social, incluirán 20 millóns para o apoio ao transporte público, ademais de destinar 35 millóns de euros a inversións que se suman aos 72 millóns do crédito extraordinario.  Caballero referiuse a outras actuacións financiadas con fondos europeos como o Paseo de Granada ou Avenida de Madrid.

Antes de rematar, destacou o apoio do Goberno de España con case 90 millóns, ingresos correspondentes á participación dos Ingresos do Estado, comparándoa coa achega da Xunta que “en termos netos é negativa”, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes