Aprobado o proxecto do aparcamento de Matamá ao amparo do novo PXOM
Abel Caballero explicou esta mañá que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto de obras do aparcamento na rúa Manuel Cominges por un importe de 1.164.000 euros.

O goberno municipal construirá un novo aparcamento ao ar libre nunha parcela de titularidade municipal fronte ás rúas Dúas Canteiros e Manuel Cominges, en Matamá. Como explicou o rexedor, o acceso será pola rúa Manuel Cominges, fronte ao colexio Josefa Alonso e, a partir de aí, proxéctase un vial que discorre a través da parcela ata chegar á rúa dúas Canteiros.
O aparcamento conta cunha inversión de 1.164.321 euros e un prazo estimado de obra de 9 meses. Caballero destacou que “terá espazo para 123 vehículos en batería e 4 prazas para persoas con mobilidade reducida”, aproveitando para “mellorar a seguridade viaria na contorna e a accesibilidade peonil”, ao mesmo.
No proceso realizarase a instalación de colectores de saneamento, así como a renovación e mellora das redes de servizos. Soterraranse as canalizacións de redes de iluminación pública, semaforización e rego e executarase a instalación de iluminación e xardineiras e árbores. Este proxecto tivo luz verde en outubro de 2024, como aparcamento provisional asociado ao uso do pavillón e necesidades da parroquia no vello Plan Xeral, pero agora realízase a súa aprobación definitiva como aparcamento ao amparo do recente PXOM.