Vigo consolida a planta de chips fotónicos coa formalización do acordo entre investidores
SPARC Foundry e os seus principais investidores- Indra Group, a SETT e Vigo Activo da Zona Franca- formalizaron este luns ante notario o acordo de investimento para a súa futura planta de chips fotónicos en Vigo. O acto tivo lugar nas instalacións do Consorcio Zona Franca de Vigo e contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde de Vigo; David Regades, delegado de Zona Franca de Vigo; Javier Ponce, director xeral da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT); Héctor Álvarez, director de Estratexia de Indra Group; e Francisco Díaz, CEO de SPARC.

A firma deste acordo estratéxico materializa o respaldo do Goberno do 17 de xuño de 2025, cando o Consello de Ministros aprobou un investimento de 17,2 millóns de euros canalizada pola Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) no marco do PERTE Chip.
Co acto de hoxe, os promotores do proxecto, xunto cos principais investidores, dan continuidade ao desenvolvemento da futura fábrica de chips fotónicos de Vigo grazas a unha gobernanza multipartita que acelerará a súa posta en marcha e permitirá que a instalación estea plenamente operativa no segundo semestre de 2027.
SPARC Foundry operará baixo un modelo “one-stop-shop” como foundry pure-play, con capacidade para producir 20 000 obleas ao ano en sala limpa de última xeración, empregando materiais III-V (InP, GaAs, GaN) para aplicacións en telecomunicacións, automoción, computación cuántica e defensa. O proxecto creará 200 empregos directos de alta cualificación e preto de 550 indirectos, dinamizando o tecido tecnolóxico español e reforzando a soberanía tecnolóxica europea.
O alcalde de Vigo destacou a importancia deste acordo “porque se acaba de constituír o que será un xigante tecnolóxico en Europa”. O delegado do Estado da Zona Franca David Regades, sinalou que “este acordo de investimento é o mellor exemplo de colaboración pública privada, resultado dun proceso de moitos meses que impulsamos desde o Consorcio entre as empresas e as administracións”.
Héctor Álvarez, director de Estratexia de Indra Group, que se converte en socio maioritario da foundry, asegurou que “esta operación permite a Indra entrar no deseño e fabricación dos chips baseados en nitruro de galio, un elemento de base crítico para os sistemas de defensa e aeroespaciais. Desta forma damos un novo paso para contribuír á autonomía estratéxica de España e de Europa e a impulsar as capacidades industriais e o emprego. Javier Ponce, director xeral da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica, lembrou que “a SETT utiliza instrumentos financeiros para atender as novas realidades do sector económico tecnolóxico e de sectores económicos demandantes de tecnoloxías dixitais, apoiándose no modelo de colaboración público-privada. Coa SETT, o Goberno de España quere liderar a revolución dixital, unha transformación histórica para a evolución do modelo económico de España. “Con este pacto afianzamos o proxecto”, afirmou Francisco Díaz-Otero, CEO de SPARC Foundry. “Estamos a sentar as bases para converter Vigo e España nun referente europeo da fotónica. SPARC é exemplo de colaboración público-privada”.
A planta de chips fotónicos ocupará 4 000 m² no Parque Tecnolóxico de Valadares, con inicio de obra previsto para finais deste ano e posta en servizo en 2027.
SPARC Foundry é a primeira planta de fabricación de semiconductores fotónicos III-V en España, nacida dunha alianza público-privada que integra a SETT, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Vigo Activo, Lucasiñas, Indra Group, Universidade de Vigo e capital privado. Utilizando materiais avanzados como InP, GaAs e GaN, SPARC aplica unha tecnoloxía dual con aplicacións tanto civís (telecomunicacións, automoción, computación cuántica, medicina) como de defensa, co obxectivo de reforzar a soberanía tecnolóxica europea mediante a produción de obleas de fotónica integrada de alta gama.