Escoitar

O Concello desprega o dispositivo de vixilancia preventiva para a protección da contorna ante posibles incendios

O Concello de Vigo activou o dispositivo de vixilancia preventiva para a protección da contorna da cidade ante posibles incendios. O alcalde explicou que as altas temperaturas rexistradas nas últimas semanas aconsellan poñer en marcha a vixilancia “intensa e extensa” por parte da Policía Local.

luns, 7 xul 2025

Abel Caballero destacou hoxe que entre a batería de accións que realiza a Policía Local ante o perigo que representa o aumento das temperaturas atópase o traballo de patrullaxe preventiva e disuasoria, atendendo especialmente ás zonas de maior densidade forestal e con maior risco de incendio. O Concello de Vigo estende a prevención a través da vixilancia con drons. “Apoio estratéxico que permita a vixilancia da masa forestal en tempo real”, recalcou.

O dispositivo implementa o control coa vixilancia en puntos estratéxicos. “Son patrullas que están fixas nalgún sitio elevado con visualización dunha parte importante do conxunto da cidade, de tal modo que en canto se detecta o máis mínimo sinal de fumes ou incendios actívase inmediatamente o protocolo de seguridade”. Caballero destacou a especial vixilancia e atención ás zonas máis próximas ás vivendas.

O dispositivo tamén contempla a detección de actividades de risco e de condutas sospeitosas ou de risco por parte das patrullas da Policía Local que percorren a contorna da cidade.

Caballero lembra a trascedencia da colaboración cidadá na detección de situacións de perigo. “É moi importante que ante o máis mínimo risco ou sospeita de que algo estea sucendendo se chame inmediatamente á Policía Local” , afirmou, engadindo que cada xornada a Policía Local realiza un informe sobre as zonas vixiadas, así como sobre os incidentes.

O operativo estará en funcionamento durante todo o período de riscos de incendios forestais. “A Xunta declara unha época pero nós teremos as datas adicionais que consideremos que é oportuno manter a vixilancia”, afirmou o rexedor.

Violencia de xénero

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación do programa de atención psicolóxica para fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero para o 2025, 2026 e 2027 cun importe de 10.000 euros anuais. O alcalde explicou que este servizo permite intervir, con profesionais, ante os efectos negativos da exposición dos menores á violencia de xénero e evitar que afecten o seu desenvolvemento psicolóxico e emocional. “No Concello temos un gran compromiso na loita contra as violencias machistas e dedicamos 1,5 millóns de euros a políticas de igualdade” para potenciar a acción das mulleres.

 

Descargar todas as imaxes