Escoitar

Caballero reclama á Xunta 35 millóns en melloras nos colexios públicos da cidade

Abel Caballero trasladou hoxe á Xunta a primera das demandas de investimentos que reclamará para a cidade, co gasto de 35 millóns de euros na mellora dos centros educativos públicos de Vigo. “Estariamos encantados con que a Xunta cumprise as súas obrigas e competencias en Vigo”, afirmou, ante afirmación dos edís do PP de que Vigo non quere que a administración galega invista na cidade. "Dinnos que lles poñemos problemas para investir 19 millóns de euros e eu propóñolles ao PP e á Xunta investimentos en colexios”, recalcou.

venres, 4 xul 2025

O investimento máis elevado da listaxe proposta polo alcalde á Xunta de Galicia para mellorar a situación en que se atopan os colexios públicos de Vigo ascende a 12 millóns de euros, para cambiar todas as cubertas de fibrocemento dos centros. A isto súmanse 5 millóns para construír novos pavillóns deportivos, abertos aos respectivos barrios, outros 2 para eliminar barreiras arquitectónicas, e 1,5 para renovar as instalacións eléctricas.

O alcalde reclama 3,5 millóns para responder ás demandas de cambios de patios cubertos nos CEIPs Josefa Alonso, Fonteescura, Valle Inclán, Otero Pedrayo, Saladino Cortizo, Mestres Goldar, Escultor Acuña, Seis do Nadal, Santa Tegra, Paraixal, Carrasqueira, San Salvador e Dr. Fleming. Amais, o custo da substitución das xanelas por unhas novas máis eficientes enerxeticamente ascende a 3 millóns de euros.

O rexedor expón a necesidade de destinar 2 millóns de euros á renovación de todos os baños que non cambiase xa o Concello de Vigo nos centros educativos, outros 2,5 para canalizacións de auga e saneamento, ademais de fixar 1,1 millón para renovar os obsoletos sistemas de calefacción e contar con outro millón para novos falsos teitos.

A listaxe de intervencións inclúe 500.000 euros para o cambio urxente das cubertas nos CEIPs Coutada Beade e Illas Cíes. Para o estudo e arranxo estrutural por deficiencias no asentamento do Ceip Otero Pedrayo o alcalde sinala a necesidade de destinar 600.000 euros e 100.000 euros para a reparación do muro e patio posterior do CEIP Mosteiro-Bembrive.

Caballero inclúe entre as obras a realizar a derriba das antigas vivendas de mestres dos centros Selo-Cabral e Canicouva, por 120.000 euros. Para arranxar as pistas e bancadas do colexio Pintor Laxeiro sinala a necesidade de investir 80.000 euros e a mellora das pistas deportivas require 400.000 euros. Amais, a renovación dos xogos dos centros cífrase en 600.000 euros. 

 

Descargar todas as imaxes