Escoitar

O Goberno aproba o proxecto do novo muro do CEIP Valle Inclán cun investimento de preto de 200.000 euros

O Goberno Municipal abordou hoxe a batería de proxectos que asume o Concello nos colexios Valle Inclán, Chans Bembrive e Celso Emilio Ferreiro para mellorar as súas infraestruturas e garantir a seguridade da comunidade educativa. “De novo o Concello de Vigo actuando e reparando colexios que ten que arranxar a Xunta”, afirmou.

venres, 6 xuñ 2025

Abel Caballero anunciou este venres o acordo da Xunta de Goberno sobre o proxecto de construción dun novo muro de contención no CEIP Valle Inclán destinado a garantir a seguridade tanto do estudantado como de transeúntes e vehículos.

Cun investimento municipal próximo aos 200.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, as obras no CEIP Valle Inclán comezarán a finais deste ano. “Este muro, de 5,50 metros de altura e 150 metros de lonxitude, ten numerosas gretas e é un perigo e un risco e, de novo, o Concello arranxando colexios da Xunta”.

O alcalde lembrou que o Concello está inmerso tamén na solución dos problemas do colexios Chans Bembrive, “que está nunha situación gravísima, e Celso Emilio Ferreiro”, recalcando que, mentres o conselleiro se despraza a Vigo para a presentación do instituto de Navia, non se despraza ata os tres centros escolares sobre os que está a traballar o Concello “para ver en que situación se atopan”.

Afirmou que Román Rodríguez limita hoxe a súa presenza na cidade, despois de que o Concello anunciase unha intervención inmediata nos centros afectados por deficiencias estruturais, “vén falar de algo que xa coñecemos porque lle obrigamos a facer o instituto en Navia e poñen menos diñeiro do que lle corresponde e parece que se burla das nenas e nenos dos colexios Chans Bembrive, Celso Emilio Ferreiro e Valle Inclán”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes