Aberto o prazo de solicitude para celebrar as fogueiras de San Xoán
Ata o 11 de xuño, as asociacións, colectivos e entidades debidamente constituídas poderán presentarse as súas peticións para organizar as cacharelas na noite e madrugada do 23 e 24 de xuño.

A web municipal ten publicado o bando de celebración das fogueiras de San Xoán, que arderán na cidade na noite e na madrugada do 23 e 24 de xuño.
O alcalde explicou que o prazo está aberto ata o 11 de xuño; esa é a data límite de presentación das solicitudes xa que é preciso analizar o seu contido e remitir a autorización, no caso de que proceda. “Xa houbo quen se adiantou”, avanzou o rexedor, e o goberno municipal ten recibidas xa quince peticións de celebracións de fogueiras en diferentes puntos da cidade.
Tal e como apuntou Caballero, só se autorizarán as fogueiras que organicen colectivos, asociacións ou entidades debidamente constituídas e, tal e como establece a normativa autonómica, a hora límite para terminar a celebración é as 4 da madrugada. En Vigo queda “prohibida de forma taxativa a celebración de fogueiras en praias, parques e xardíns de titularidade municipal, no ámbito do centro histórico e preto de calquera elemento que forme parte do patrimonio histórico ou cultural da cidade”. Faremos “unha boa celebración pero atendendo aos requisitos e con solicitude previa dentro do prazo previsto”, expuxo.