Escoitar

O Concello inicia a humanización de Pintor Lugrís que contará con dúas ramplas mecánicas

Abel Caballero participou este mércores no acto simbólico de colocación da primeira pedra da obra de humanización da rúa Pintor Lugrís que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses.

mércores, 4 xuñ 2025

O rexedor explicou que a actuación supoñerá a humanización da rúa e a instalación de dúas ramplas mecánicas: “melloramos un tramo de 125 metros de lonxitude”, con dúas ramplas de 39 metros de longo cada unha, que salvan un desnivel de máis de 10 metros.

O goberno municipal acometerá a renovación íntegra de pavimentos e servizos de Pintor Lugrís ampliando o espazo peonil ata os 893 metros cadrados, instalará novo mobiliario urbano, creará 276 metros cadrados de novas zonas axardinadas e plantará 29 árbores de distintas especies renovando tamén a rede de abastecemento e saneamento e renovando a iluminación por unha nova eficiente. Amais, o alcalde explicou que se instalará un panel informativo coa reprodución dunha das grandes obras de Lugrís “Vista de Vigo”.

“Seguimos adiante coas humanizacións e coas ramplas mecánicas na cidade” apuntou tras dar conta desta nova obra que suma dous novos elementos mecánicos dentro do programa de mobilidade “Vigo Vertical”.

Descargar todas as imaxes