O novo servizo de transporte nocturno duplica desprazamentos desde xuño de 2024 con 115.000 viaxes
O próximo sábado 14 de xuño o autobús nocturno alcanza o seu primeiro ano de actividade en Vigo duplicando o seu uso fronte ao modelo anterior ao alcanzar os 115.000 desprazamentos. Así o anunciou este martes o alcalde ao destacar o “resultado espectacular e excepcional” do servizo.

Abel Caballero destacou hoxe que o crecemento de usuarios do servizo de transporte nocturno foi superior ao cento por cento con respecto ao modelo anterior, ao pasar dos 52.508 desprazamentos a 115.000 desde xuño de 2024. “Xente nova que o utiliza con seguridade. É unha alternativa con seguridade ao coche e, por tanto, funcionando de forma certamente moi satisfactoria”, afirmou o alcalde.
O alcalde destacou o nivel de satisfacción expresado por todos os usuarios. “Todos valoran moi positivamente o autobús nocturno e, de feito, empezamos a ter peticións de novas paradas e destinos de familias con adolescentes que queren que haxa máis autobuses nocturnos a máis destinos da cidade”, afirmou o alcalde.
Vigo conta con tres liñas con servizo nocturno: C1, N4 e N1.