O alcalde convoca un Pleno para esixir unha facultade de Medicina en Vigo
Abel Caballero insta á Xunta a iniciar de xeito inmediato o proceso para a implantación do grao en Medicina e que estea operativo no curso 2027/2028, adicando financiamento adicional á xa achegada á Universidade de Vigo. “Somos a máis importante cidade de España sen facultade de Medicina, e isto é un agravio”, afirmou.

O alcalde vén de anunciar un Pleno extraordinario para o xoves 12 de xuño onde esixirá á Xunta a facultade de Medicina en Vigo. Caballero considera que o goberno autonómico ten que iniciar de xeito inmediato o procedemento para a implantación da titulación no curso 2027/2028. Para iso, insta á Xunta a orzamentar 5 millóns de euros nas contas do próximo ano e iniciar o procedemento.
Caballero sinalou que a partida ten que ser de nova creación: “Non se poden diminuír partidas orzamentarias doutras facultades ou do propio presuposto da universidade, ten que ser financiamento adicional”.
“Vigo é a máis importante cidade de España que non ten facultade de Medicina. Hai outras máis pequenas que si a teñen, e isto é un agravio. Somos un área que cos tres campus universitarios sumamos 1 millón de persoas, polo que temos dereito a optar ao grao en Medicina na propia Universidade de Vigo e no campus de Vigo. A Xunta ten que iniciar os trámites para a creación da facultade e establecer os hospitais clínicos da cidade e de Pontevedra e Ourense para prácticas e docencia hospitalaria”, narrou.
“Levaremos ao Pleno a reclamación dos dereitos de Vigo a ter unha facultade de Medicina”, concluíu.

