O Concello conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente cunha campaña escolar sobre reciclaxe
A Porta do Sol acolleu esta mañá unha xornada de concienciación sobre a importancia da reciclaxe na que participaron 257 nenas e nenos. Trátase dunha actividade enmarcada na conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.

“Coidemos Vigo desde a reciclaxe” foi o lema da campaña organizada esta mañá na Porta do Sol para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Neste acto divulgativo participaron 257 nenas e nenos, de entre 8 e 10 anos, dos colexios Pintor Laxeiro, Salesianos e Ramón y Cajal. Entre outras cuestións, abordouse o uso do contedor marrón, a reciclaxe de vidrio, aceite usado, pilas ou aparellos electrónicos.
A través dunha exposición sobre maquinaria sostible e de espazos con xogos e agasallos, esta iniciativa procura concienciar sobre unha nova cultura de preservar o planeta, sobre o aforro e, consecuentemente, sobre a economía circular.
Adopcións animais domésticos
Abel Caballero lembrou que o Concello está a desenvolver nos colexios charlas divulgativas da campaña “Adóptame en Vigo” para fomentar a adopción de animais domésticos. Esta campaña chegará a 6.000 estudantes de 83 colexios de Vigo para que todo o alumnado poida reflexionar sobre a importancia da tenencia responsable e evitar o abandono animal.
Esta semana, participan os colexios CEIP Emilia Pardo Bazán, CEP Dr. Fleming e CEIP A Doblada e os coloquios chegan acompañado da entrega do libro ilustrado “URCO unha historia reciclada”.
“Adóptame en Vigo” estase a consolidar como unha das campañas de educación ambiental e benestar animal máis innovadoras de España. Desde a súa posta en marcha en 2024, a iniciativa xa contribuíu á adopción de 413 animais abandonados, ao tempo que promove valores como a empatía, a responsabilidade ou a importancia do microchip.
A campaña tamén está presente nas clínicas veterinarias, perruquerías caninas, parques caninos e bibliotecas onde se instalaron paneis informativos con códigos QR que permiten consultar o listado actualizado de animais en adopción no Centro de Protección Animal de A Madroa.