O Nadal de Vigo contará con 11,5 millóns de luces led para iluminar 420 rúas
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a programación de Nadal 2025-2026 que supón o inicio do traballo das diferentes áreas involucradas na organización do Nadal que é “unha marca da cidade e ten impacto na economía viguesa”.

Abel Caballero explicou as liñas xerais da programación aprobada hoxe venres e cuxo eixo fundamental son os “espazos temáticos ambientados con iluminación decorativa, ornamentación, exposicións e actividades de lecer e comerciais mesturando tradición, socialización e activación da economía”.
Tal e como recolle a programación, o goberno municipal prevé ampliar os espazos dedicados ao Nadal, non só de ocio senón tamén comercial, con melloras no tráfico, con atención en detalle aos niveis de música e ofrecendo información en tempo real co uso da tecnoloxía. “Volveremos ser o centro de atención do mundo, cando Vigo acende as luces, acéndese o Nadal en todo o planeta. O Nadal é unha marca da cidade, gústanos á cidadanía viguesa, recibimos millóns de visitas e ten impacto na nosa economía”, asegura Caballero.
En relación ás melloras nas que traballa o Concello, citou o rexedor as que afectan ao acceso dos residentes ao ámbito do Cíes Market, tanto de vehículos como de persoas; a mellora na recollida de residuos, a ampliación do sistema de información en tempo real a través de dispositivos dixitais de tempos de espera nas atraccións e da situación do tráfico e a instalación de máis aseos nas zonas de maior afluencia de visitantes.
A iluminación do Nadal de Vigo contará con máis de 11,5 millóns luces led en 420 rúas e prazas da cidade. Haberá 1.161 arcos ornamentais, 2.883 motivos ornamentais e 2.667 árbores iluminadas, amais da árbore xigante con espectáculo de luz e son en Porta do Sol, máis de 50 unidades de elementos lumínicos 3D (duns 3 metros de alto), o Belén Monumental da Casa das Artes, a Casa de Papá Noel e o Carteiro Real e conxuntos de elementos para ornamentación de mercados, paraugas en prazas, rotondas, cruces de rúas, pérgolas, elementos escultóricos, edificios municipais (Casa Galega da Cultura, Casa das Artes) e elementos de gran porte transitables.
Tal e como explicou o alcalde, haberá ornamentación con elementos figurativos lumínicos: 13 sets decorativos en diferentes rúas, 6 instalacións decorativas lumínicas transitables de gran porte (Policarpo Sanz, Gran Vía, García Barbón...) e 12 instalacións decorativas non transitables de porte medio en Príncipe, Policarpo Sanz, Vía Norte, Urzáiz e García Barbón.
Amais, na Praza de Compostela e nos xardíns González de Haz instalaranse o Cíes Market e atraccións recreativas. O tren turístico percorrerá o centro da cidade, haberá mercado de Nadal no Calvario con casetas, atraccións infantís e animación de rúa e habilitaranse outros espazos e actividades en diferentes puntos da cidade: Porta do Sol, Samil, a explanada do Náutico, o Circo de Nadal en Porta do Sol así como actividades de dinamización en zonas comerciais de toda a cidade.