Escoitar

Abel Caballero: “En ano e medio o estadio de Balaídos terá un aforo de 30.000 espectadores”

O rexedor explicou esta mañá que o coliseo vigués aumentará o aforo de cara a tempada na que o Celta voltará a competicións europeas.

venres, 6 xuñ 2025

O Real Club Celta de Vigo xogará a Europa League na tempada 2025/2026, competición para a que UEFA ten una serie de esixencias para os estadios que albergarán partidos, como obrigar a reservar unha parte do aforo para os afeccionados visitantes ou compromisos. Caballero avanzou hoxe as actuacións que permitirán aumentar a capacidade do estadio mentres se desenvolvan as obras da grada de Gol.

En Río Baixo, o aforo aumentará nuns 600 asentos co incremento de 3 ringleiras cara o céspede; na parte baixa da bancada e en Marcador Centenario Alto incrementarase en preto de 500 asentos, colocando 4 ringleiras máis na parte alta da bancada.“Poñeremos unha nova estrutura na unión entre Río Baixo e Marcador que albergará uns 100 asentos”, explicou o rexedor, engadindo que na zona da vella grada de Gol “instalaremos unha bancada temporal e desmontable que contará con máis de 500 asentos”, que se poderá usar na liga doméstica pero en Europa League necesita autorización da UEFA.

O alcalde tamén indicou que a efectos de acceso ao estadio dos afeccionados visitantes é preciso crear unha nova porta de acceso, polo que se dividirá a porta e os espazos da actual número 19, implementando unha nova porta número 20 que dará acceso ao espazo de Río Alto, onde se situarán os equipos que nos visiten. “Mentres dure a obra de Gol o aforo do estadio será de 22.800 espectadores”, engadiu Caballero.  A nova bancada de Gol terá aproximadamente 7.000 espectadores porque xa contará co incremento que se realiza en Marcador, apostilou. Caballero rematou explicando que, sen contar coa futura ampliación da Tribuna, o “aforo do estadio Municipal de Balaídos será de 30.000 espectadores”.

Descargar todas as imaxes