O Verbum acolle a celebración do "Día da Muller e a Nena na Ciencia"
O museo Verbum acolle mañá, martes 11 de febreiro, as actividades programadas polo Concello para conmemorar o “Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia", segundo avanzou o alcalde.

Abel Caballero explicou que un total de 172 alumnas e alumnos de Primaria e Secundaria de cinco centros da cidade participan mañá no programa de actividades organizados polo Concello para contribuír a aumentar a vocación científica entre as nenas. “Queremos que as mulleres e as nenas saiban e coñezan moi ben todas as posibilidades que teñen de facer a súa carreira ao redor das ciencias”.
O alcalde recalcou a vontade do Concello por “divulgar entre o alumnado a importancia de non descartar, a priori, ningunha carreira científica para ningunha nena” e que a formación nestas disciplinas contan cun gran presente e futuro.
O programa que se desenvolverá este martes contempla charla-espectáculo da doutora en Ciencias Biolóxicas e divulgadora científica Patricia Barciela Durán, así como catro talleres.