O goberno de Vigo achega 1,3 millóns de euros ao Marisquiño 2025
A Xunta de Goberno Local aprobou a subvención mediante convenio de 1.342.000 euros para a organización do “certame de deporte urbano máis importante do mundo”.

O alcalde deu conta este venres da decisión adoptada na Xunta de Goberno Local de aprobar a subvención de 1.342.000 euros para a organización do Marisquiño 2025, de maneira que o goberno municipal “financia practicamente a totalidade” do festival.
Tal e como explicou Caballero, O Marisquiño é unha cita consolidada e recoñecida internacionalmente, situada no top mundial de campionatos de skateboarding, co BMX Street consolidado como unha das probas máis importantes internacionalmente, no que participan os mellores xogadores de basket 3x3, coa celebración do campionato internacional de Break Dance, descenso urbano e o campionato do mundo de Flatland (acrobacias coreografiadas sobre bicis).
“É unha forma de entender o deporte urbano que converte a Vigo na capital do mundo”, sinalou o alcalde, que mencionou o impacto do festival en redes sociais, con máis de 5 millóns de impresións en canles propias e que en 2024 sumou máis de 1,4 millóns de reproducións en Instagram ou 1,2 millóns de visualizacións en Tik Tok”.