O Concello ofrece desde este venres visitas guiadas ao Pazo da Raposeira
A cidadanía viguesa poderá coñecer desde hoxe o Pazo da Raposeira, unha mostra “excepcional” da arquitectura tradicional de Galicia. As reservas para as visitas guiadas a este espazo recentemente rehabilitado poderán realizarse no 010 e serán gratuítas.

O alcalde explicou que o obxectivo desta iniciativa é que todo Vigo coñeza o novo inmoble, recentemente incorporado ao patrimonio municipal. As persoas visitantes “coñecerán un dos mellores pazos de Galicia” achegándose ao contexto histórico-artístico da edificación, da evolución da propiedade e tamén a través dun paseo polos xardíns.
As visitas, que son gratuítas, poden concertarse a través do teléfono de información municipal 010. Esta actividade comeza nesta tarde de venres, coa previsión de que se prolonguen ata o mes de abril. A duración da visita será de 40 minutos con grupos de 20 ou 25 persoas nos seguintes horarios:
- Martes: 2 quendas de mañá (ás 11,00 e ás 12,00h) e 2 quendas pola tarde (ás 17,00 e ás 18,00 horas).
- Venres e sábados pola tarde en dúas quendas: ás 17,00 e ás 18,00 horas.
- Domingos: dúas quendas de mañá (ás 11,00 e ás 12,00 horas) e dúas de tarde (ás 17,00 e ás 18,00 horas).
O Pazo da Raposeira foi rehabilitado cun orzamento de 1,8 millóns de euros, dos que case 1,5 millóns proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España financiado polos Fondos Europeos NextGeneration EU.




