Escoitar

O alcalde apoia a campaña de Luar na Lubre para incorporar “lubre” ao dicionario da Real Academia Galega

Abel Caballero trasladou a Bieito Romero, líder e fundador de Luar na Lubre, o seu apoio á campaña que veñen de iniciar para recuperar esta palabra, que figuraba no dicionario de Xosé Luís Franco Grande de 1968.

xoves, 6 feb 2025

“É unha palabra fermosísima polo que apoio que a Real Academia Galega a incorpore ao seu dicionario”, apuntou o rexedor, explicando que “lubre” está fóra da publicación da Real Academia Galega nestes momentos.

Lembrou Caballero que a palabra “lubre”, que forma parte do nome da formación folk, aparecía no “Dicionario galego-castelán” de Xosé Luís Franco Grande, editado por Galaxia e cuxa primeira edición se publicou en 1968. Así, lubre é o “bosque ou lugar sacro onde os antigos druídas celebraban os seus cultos nocturnos á luz da lúa”.

Luar na Lubre está iniciando unha campaña para promover a inclusión deste termo no dicionario da Real Academia Galega procurando o apoio de diferentes entidades, a primeira delas o Concello de Vigo.

Amais, na reunión celebrada entre o alcalde e Bieito Romero, o líder e fundador de Luar na Lubre presentou o novo libro-disco da formación: “Luar na Lubre XX. Encrucillada”, que presentarán por primeira vez en concerto en Vigo. Será o sábado, 15 de febreiro, no Teatro Afundación, ás 20 horas. Tal e como apuntou Caballero, a xira servirá de antesala á celebración do 40 aniversario do grupo en 2026: “un dos grupos de folk máis importantes de Europa”.

Descargar todas as imaxes