Escoitar

O alcalde agradece a Xesús Alonso Montero a doazón dos seus fondos documentais á Fundación Penzol

Abel Caballero asistiu este mércores á doazón á Fundación Penzol dos fondos documentais de Xesús Alonso Montero relacionados coa actividade oratoria do catedrático de literatura galega e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.

mércores, 5 feb 2025

O alcalde remarcou ante Xesús Alonso Montero que a documentación doada hoxe, que xa forma parte dos fondos da Fundación Penzol, “son parte da historia viva de Galicia”.

O rexedor asegurou que Alonso Montero é “unha figura absolutamente fundamental en Galicia na segunda metade do século XX e no primeiro cuarto do XXI” nos ámbitos docentes e políticos, avanzando que os textos entregados polo catedrático “se estudarán durante moito tempo e van proporcionar claves de interpretación” da transcendencia da achega do intelectual á cultura de Galicia.

Novas donacións

A doazón oficializada este mércores está integrada por sesenta e sete alocucións, entre discursos, conferencias, charlas e improvisacións de Xesús Alonso Montero na súa etapa de presidente da Real Academia Galega, transcritos por Carmen Blanco Ramos; e trinta e unha conferencias pronunciadas entre 2004 e 2024.

Alonso Montero adiantou que esta primeira e dobre doazón completarase no futuro con novas cesións, entre as que destacou unha parte dos fondos de Victoria Álvarez de Ojeda, a súa segunda esposa e especialista na figura de Rosalía de Castro. “Para min, doar os fondos á Fundación Penzol é comezar a pagar tanto que lle debo e concretamente á biblioteca".

Conservación e difusión

A Fundación Penzol comprométese a conservar, catalogar e difundir as doazóns do intelectual.

Descargar todas as imaxes