Escoitar

O alcalde preside o encontro co sector audiovisual para perfilar o novo centro que desenvolverá Zona Franca

Abel Caballero presidiu este martes o encontro entre representantes do sector audiovisual de Galicia cos directivos da consultora Novas Vantaxes, S.L. para identificar e sinalar as necesidades do futuro centro a desenvolver en Vigo polo Consorcio da Zona Franca.

martes, 4 feb 2025

O alcalde de Vigo e o delegado de Zona Franca trasladaron hoxe aos representantes do sector audiovisual de Galicia a súa aposta polo novo centro a construír na cidade.

“Vigo quere e vai estar” no desenvolvemento audiovisual, asegurou Caballero ao destacar que a cidade conta cunha “panca de actuación especialmente notable” para materializar o proxecto co Consorcio da Zona Franca. “De novo Vigo ten que afrontar unha nova plataforma dixital de acción económica e isto é o audiovisual”, remarcou tras lembrar o avance no proxecto Sparc de fabricación de microchips fotónicos.

O alcalde incidiu, ante representantes da Universidade de Vigo, de asociacións de creadores, produtores e de empresas de comunicación, no obxectivo do Consorcio de “lanzar” en Vigo e en Galicia un proxecto audiovisual nunha cidade que conta con empresas con “calidade e experiencia contrastada”.

O rexedor destacou o espírito emprendedor de Vigo como vantaxe para abordar a nova iniciativa. “Somos conscientes da importancia desta reunión e do audiovisual, que nin sequera ten que ser monopolio dunha cidade ou dun espazo porque pode haber varias . Isto é un movemento de reafirmación da nosa crenza na importancia do emprendemento para toda Galicia e España, porque é unha obviedade que o audivisual vai ocupando máis espazos”.

Caballero destacou a capacidade de Zona Franca para ser “promotor e dinamizador” do proxecto.

Crecemento

O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, reafirmou a mensaxe de que “Galicia ten que estar no crecemento audiovisual” como xa fixo en ámbitos como a industria aeroespacial co cento por cento da autoría dos satélites lanzados nos últimos meses.

“Diversificar a economía en Galicia vai facer máis fortes e debemos ir da man”, recalcou Regades ao dirixirse aos representantes das empresas e asegurarlles que para Zona Franca “é importantísimo ver as demandas e necesidades do sector”.

Descargar todas as imaxes