O Concello celebra en Barreiro o Día das Zonas Húmidas
O alumnado do Ceip Fonte Escura achegouse este martes á zona húmida de Barreiro para coñecer o seu valor ambiental e a importancia que ten para preservar a biodiversidade.
Abel Caballero explicou que a cidade conta con 314.000 metros cadrados de zonas húmidas: A Bouza, Goberna (Navia), Muíños (Comesaña), O Vao, Fontes-Pertegueiras (Navia) e Barreiro en augas doces e a Xunqueira do Lagares en auga salgada que “recuperamos sacando da zona a depuradora e poñéndoa máis atrás, de forma que toda a Xunqueira do Lagares é un verxel”.
Este ano o Día das Zonas Húmidas celébrase en todo o mundo baixo o lema “Protexer as zonas húmidas para o noso futuro común” e para o rexedor “Vigo é un exemplo en recuperación e en atención desde que son alcalde”.
Para conmemorar a data, o goberno municipal celebrou un acto no humidal de Barreiro onde o alumnado do Ceip Fonte Escura aprendeu sobre os valores ambientais das zonas húmidas e a importancia que teñen para preservar a biodiversidade, amais de coñecer os problemas derivados de plantas invasoras como a cana. A zona húmida de Barreiro combina un espazo lúdico para a cidadanía cun espazo que alberga a reserva dunha variada flora e fauna e ten vida propia, xa que vai alternando o seu curso por causas naturais e pola intervención humana.