Escoitar

O alcalde inaugura as "X Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial"

O alcalde felicitou hoxe á organización das “X Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial”, que reúnen na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, desde hoxe ata o 14 de febreiro, aos protagonistas dos últimos avances tecnolóxicos aplicados a distintos ámbitos industriais e sociais.

luns, 10 feb 2025

Abel Caballero recalcou este luns, durante o acto de inauguración das xornadas que converten a Vigo en eixo da dixitalización, da robótica e da automatización, que a cidade “ocupa un importante lugar” neste ámbito do coñecemento e do desenvolvemento tecnolóxico.

O rexedor incidiu na aposta tecnolóxica de Vigo, "de estar en todo", manifestada a través do lanzamento da fábrica de microchips fotónicos, Sparc. Sinalou que as xornadas son “unha parte do que está a suceder” porque a reunión de coñecemento que se concentra esta semana na Universidade de Vigo “significa estar no presente e futuro, que é importante”.

Caballero reseñou a importancia de "estar no control social das tecnoloxías” e apuntou que “quen se beneficia, como se reparte e implementa o produto de robótica e IA é o que lle dá viabilidade social. Sen viabilidade social non hai progreso. Se non se goza dese progreso non ten lugar. Ese é o liderado de verdade e o que esta universidade ten que ter”.

Descargar todas as imaxes