Escoitar

O Concello concede as últimas becas de libros e alcanza as 23.771 axudas por preto de 5 millóns de euros

O goberno municipal de Vigo aprobou na Xunta de Goberno do luns a concesión das últimas becas de libros ata alcanzar os preto de 5 millóns de euros en axudas ás familias, así como a prórroga para os dous próximos anos do programa “Visita o teu Concello”, e a licitación da iniciativa coeducativa “Camiña con nós pola igualdade”.

martes, 21 mai 2024

O alcalde informou este martes que o goberno municipal aprobou a concesión de 534 becas para a compra de libros de texto dos escolares de educación Primaria, Secundaria obrigatoria, Formación Profesional básica e Educación Especial. As últimas axudas de 205 euros por estudante concedidas correspóndense con solicitudes que foron tramitadas con documentación incompleta ou que necesitaban corrección.

O rexedor detallou que o total de becas de libros concedidas neste curso ascende a 23.771, que totalizan unha cifra próxima aos 5 millóns de euros. “Todos as familias con nenos en educación obrigatoria tiveron 205 euros para axudarlles a comprar libros escolares. O único concello de España que o fixo”, lembrou o alcalde.

Seguen as visitas escolares ao Concello

A Xunta de Goberno acordou prorrogar dous anos o programa didáctico para escolares “Visita o teu Concello”. O alcalde lembrou que participan cada ano 50 colexios de Vigo para coñecer as principais dependencias municipais, desde o salón de plenos, á sala de control do tráfico, así como nas dependencias da Policía Local. “Queremos que entendan como funciona o concello, como se fai o traballo, todo o que se atende e como se leva adiante a cidade”, explicou, ao destacar que 10 visitas se realizan en inglés.

Igualdade

O alcalde avanzou que o goberno local aprobou o programa “Camiño con nós pola igualdade” dirixido a promover a cultura da igualdade e fomentar a prevención da violencia de xénero entre o alumnado de educación Infantil e Primaria.

A partir de setembro o Concello realizará unha programación especial nos colexios con obradoiros temáticos deseñados con enfoques e metodoloxía específica para cada franxa de idade. “Buscamos seguir concienciando á cidade, desde as idades máis novas, da importancia da igualdade e o rexeitamento total a calquera indicio de violencia de xénero”, afirmou o alcalde.

Descargar todas as imaxes