O Correlingua 2024 chegará a Vigo o 23 de maio
A concelleira de Educación, Olga Alonso, presentou a nova edición acompañada de Anxo Terán, presidente da Asociación Cultural Correlingua, e de Tamara Martínez, secretaria comarcal da CIG – Ensino.

O Correlingua volverá encher a cidade da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado o vindeiro 23 de maio. Como indicou Olga Alonso, “este ano asistirán 23 centros de ensino cun total de 1.823 alumnos a esta festa da lingua”.
Baixo o lema “Dende aquí ate acolá, galego xa!”, o Correlingua, que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición, contará cunha ampla programación: concertos, festas, regueifas, obradoiros e concursos.
En Vigo, os 23 centros educativos percorreron o traxecto entre a Praza do Rei e o parque de Castrelos en defensa do idioma, para realizar múltiples actividades a súa chegada. Anxo Terán agradeceu “ao Concello de Vigo a colaboración nas 24 edicións”, sinalando que a cidade é “un sitio moi importante para gardar ese tesouro que é a nosa lingua”.


