Aprobado o convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para a construción da nova grada de Gol
O rexedor vigués comunicou a aprobación do convenio tras a Xunta de Goberno Local celebrada hoxe. Ambas institucións financiarán a partes iguais os 26.304.618€ do investimento total. Gol aumentará o seu aforo ata os 6.400 espectadores.
O Concello de Vigo deu luz verde esta mañá ao convenio de colaboración da nova grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, na que o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra aportarán 13.152.309€ cada un.
Como explicou Caballero, “a parte central das obras son 25.642.713€, aos que se suman 181.283€, en seguridade e saúde, e 480.621€, para a asistencia técnica á dirección de obra”. O investimento total da remodelación será de 26.304.618€, financiado ao longo dun período de tres anos, que comprende 2024, 2025 e 2026. O Concello aportará 300.000€ en 2024 e 6.426.154€ en 2025 e 2026, mentres que a Deputación achegará en 2024 a cantidade de 2.600.000€ e de 5.276.154€, para os dous seguintes anos.
“Estamos lanzados a construción da nova grada de Gol”, indicou o rexedor, aclarando que “a obra xa arrincou, estamos xa coa licitación”, cun prazo de execución de 29 meses, entre licitación e obra. Abel Caballero tamén destacou a singularidade do “novo estadio de Balaídos”, que contará “cunha arquitectura extraordinaria”.
A nova grada será practicamente unha réplica de Marcador Centenario, na que o terreo de xogo situarase a tan só 8,5 metros, en paralelo á liña de fondo, para que os espectadores teñan unha visión despexada e completa. Contará cun incremento de aforo, pasando dos aproximadamente 4.000 espectadores actuais ata os 6.400 espectadores, que terán as mesmas butacas que no resto do estadio.
Proxéctanse 6 escaleiras de amplas dimensións e 8 ascensores “que facilitan a mobilidade de forma notable”, dando servizo tamén ás bancadas de Río e Tribuna, xerando un anel perimetral de bancadas conectadas, entre os diferentes niveis. O proxecto contempla un tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización co rego do céspede. Caballero indicou tamñen que se creará, “un novo espazo aporticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlazando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, creando un novo espazo público cuberto”, o que implicará “a intervención sobre a fachada xa reformada de Tribuna”.