Escoitar

Abel Caballero: “Esta semana arrincan as obras de saneamento e abastecemento da Avenida de Galicia”

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o proxecto de melloras do abastecemento e saneamento da Avenida de Galicia por un importe de 1.457.360€. “Como a Xunta non o realiza, farémolo dende o Concello”, indicou o alcalde.

luns, 20 mai 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de mellora do abastecemento e saneamento da Avenida de Galicia. Como indicou o rexedor vigués “a Avenida de Galicia é unha vía de titularidade autonómica, que a Xunta de Galicia está a renovar só superficialmente”, xa que como aclara Caballero, “o Concello solicitoullo, pero a Xunta non considerou renovar estas redes a pesar do importantes que son”.

“A auga ten que chegar en perfectas condicións aos domicilios”, explicou o rexedor, engadindo que “como o ente autonómico non o realiza, farémolo dende o Concello”. A actuación contempla, no lado par, dende o nº126, a altura do IES de Teis, ata o límite co Termo Municipal de Redondela e no impar, dende o cruce coa rúa Arnela ata o concello veciño. Realizarase a renovación integral da rede de abastecemento, un total de 3.057 metros, e de saneamento, con 2.485,4 metros de novas tubaxes. O importe da obra ascende a 1.457.360 euros.

Descargar todas as imaxes