O alcalde convida á cidadanía a gozar o domingo en Castrelos dos actos do Bicentenario da Policía Nacional
O auditorio de Castrelos acollerá, a partir das 11 da mañá do vindeiro domingo 26 de maio, o acto organizado para conmemorar o Bicentenario da Policía Nacional. As exhibicións dos medios cos que este corpo das forzas de seguridade desenvolve o seu traballo cotiá, que vertebran o programa, foron presentadas este martes polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e co comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez.
Abel Caballero explicou hoxe que a conmemoración dos 200 anos da Policía Nacional en España é “un feito da maior importancia”, que “transcende” a unha mera celebración por “ser unha forma importante da forma de entender o país", e o papel durante dous séculos deste corpo das forzas de seguridade.
O rexedor incidiu en que os actos organizados en Vigo e Redondela a próxima fin de semana mostrarán o traballo da policía. “Convido a toda a cidade a que o domingo, ás 11.00 da mañá, en Castrelos, contemple as demostracións organizadas”, indicou.
O alcalde dirixiuse ao comisario xefe para recoñecer á policía como unha “peza clave” na seguridade, e na “forma de entender a convivencia pacífica nunha cidade”, así como para felicitalo polos 200 anos de traballo.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, compartiu o agradecemento expresado por Abel Caballero polo traballo policial. Anunciou que a celebración na localidade choqueira está programada no Campo da Feira o sábado 25 a partir das 18.00 horas da tarde.
Exhibicións
O comisario xefe da Comisaria de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez, adiantou que entre as unidades que participarán nas exhibicións da próxima fin de semana atópanse as de cabalería, coa demostración de habilidades de 6 equinos; así a canina, con 8 cans guía que realizarán exercicios de obediencia e de distintos materiais. A estes sumaranse o despregamento tanto dos Tedax, como dos drons e do material da policía científica.