Escoitar

O goberno municipal dedica 1,9 millóns de euros ao mantemento, conservación e vixilancia dos colexios públicos

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de mantemento, conservación e vixilancia dos colexios públicos do Concello por un período de dous anos.

luns, 27 nov 2023
Foto de arquivo do alcalde durante unha visita ao Ceip Fonte Oscura, un dos 49 centros que contarán con este servizo
Foto de arquivo do alcalde durante unha visita ao Ceip Fonte Oscura, un dos 49 centros que contarán con este servizo

Tal e como explicou o alcalde, o obxectivo municipal é asegurar a prestación dun servizo de mantemento, conservación e vixilancia das instalacións escolares, dos edificios e dos seus recintos educativos (patios, pistas deportivas, zonas de recreo, zonas axardinadas e peches) para que estean nun adecuado estado de conservación e funcionamento.

O Concello quere optimizar a vida útil dos 49 edificios educativos incluídos no contrato, mellorando os espazos, mellorando as condicións ambientais do uso das instalacións, traballando na eficiencia enerxética e o consumo eficiente de auga e combustibles a través do control exhaustivo e continuado. O importe base de licitación do contrato ascende a 1.923.739 euros por un período de dous anos, coa posibilidade de engadir tres prórrogas dun ano cada unha.

Tal e como recolle o prego de prescricións técnicas, o servizo inclúe un plan de revisión dos centros e a inspección continua polas instalacións para detección de danos e avarías de mecanismos de fontanería, electricidade e calefacción, a preparación diaria dos centros para o seu funcionamento coa posta en marcha dos sistemas e instalacións xerais, o mantemento preventivo e correctivo con tarefas de albanelería, xardinería, fontanería e carpintería. O contrato inclúe un técnico responsable do servizo, que estará permanentemente localizado durante a xornada de traballo e un servizo telefónico de atención as 24 horas do día.

 

Descargar todas as imaxes