Escoitar

A Corporación de Vigo reclama á Xunta incluír no orzamento de 2024 unha partida para gardas de 24 horas nos xulgados

O Pleno do Concello acordou este luns, cos votos dos concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG, instar á Xunta a que inclúa nos orzamentos de 2024 unha partida específica para implantar, con medios materiais e de persoal suficientes, gardas de 24 horas nos xulgados de instrución de Vigo para afrontar os 22.000 casos que están sen resolver. Os cinco edís do PP votaron en contra da reclamación.

luns, 27 nov 2023
A concelleira Yolanda Aguiar defende as gardas de 24 horas nos xulgados
A concelleira Yolanda Aguiar defende as gardas de 24 horas nos xulgados

A maioría da Corporación viguesa acordou reclamar á Xunta que acabe coa débeda histórica pola que Vigo carece dun réxime de gardas xudiciais de 24 horas, coas que afrontar a o “atasco xudicial” que se rexistra en Vigo. Demandan que o goberno galego active unha partida específica nos orzamentos de 2024.

A concelleira socialista Yolanda Aguiar, autora da moción, denunciou que a pesar de que a implantación das gardas de 24 horas é unha histórica e unánime reivindicación de todos os operadores xurídicos de Vigo, e reivindicada polas xuntas de xuízas e xuíces desde hai máis de 10 anos, a Xunta fixo “oídos xordos” a todas as demandas por motivos orzamentarios.

A concelleira socialista argumentou que Vigo figura entre as 25 cidades con maior atasco xudicial, e con maior taxa de litixiosidade, ao alcanzar o 132 por cento, co que uno de cada seis vigueses ten un preito aberto nos xulgados desta cidade. “Somos o cuarto partido xudicial con máis preitos en toda España”, afirmou Yolanda Aguiar, ao detallar que 2022 pechou co ingreso de máis de 20.000 casos, sen contar co efecto das sucesivas folgas. “Non queren establecer gardas de 24 horas porque non queren metelas nos orzamentos, mentres en Vigo hai 22.000 persoas que están pendentes de que se resolvan os seus litixios”, afirmou Aguiar.

O portavoz do BNG, Xavier Pérez, demandou ao PP e á Xunta que “deixe de bloquear os xulgados de 24 horas e poña os medios necesarios” para mellorar as dotacións xudiciais dun partido xudicial que conta con miles de casos pendentes.

Os cinco concelleiros do PP defenden que os medios cos que dispón Vigo “cumpren co establecido na lei” e que o “sistema vixente funciona ben”. Afirman que os casos instruídos en 2022 están por baixo dos cocientes que fixa a administración para a implantación de gardas de 24 horas nos xulgados de instrución de Vigo e para aumentar os medios materiais e de persoal.

Descargar todas as imaxes