Escoitar

Vigo acende “o Nadal no planeta”

A Porta do Sol acolle este venres ás 20 horas acto de acendido da iluminación do Nadal da cidade que este ano suma 11,5 millóns de luces led e que chegará a 450 rúas a medida que se vai completando a montaxe.

venres, 24 nov 2023
Montaxe da árbore e da estrela da Porta do Sol
Montaxe da árbore e da estrela da Porta do Sol

O alcalde apuntou que a posta en marcha das luces da cidade “marca o inicio do Nadal no planeta” e avanzou que na árbore da Porta do Sol soarán este ano melodías recoñecidas pola cidadanía: Happy Christmas, de John Lennon; a banda sonora de Piratas do Caribe; a banda sonora do Último mohicano; All I want for Christmas is you, de Mariah Carey; Englishman in New York, de Sting e o Valls número 2 de Dimitri Shostakovich.

A árbore de Nadal que chega este ano aos 44 metros de altura, coroado cunha grande estrela de 19 metros. Ademais, haberá máis de 6.000 estruturas luminosas e decorativas, arcos e motivos, elementos de gran tamaño e máis de 2.000 árbores con ornamentación repartidas por toda a cidade.

O Concello ten preparado un dispositivo para o desenvolvemento do acto que terá como epicentro a árbore da Porta do Sol, nun recinto onde hai espazo reservado para que as persoas con mobilidade reducida poidan presencialo con comodidade. Deberán acceder á zona pola rúa Doutor Cadaval.

Tal e como explicou Abel Caballero, o acto de acendido das luces poderá seguirse desde a praza en directo e a través da páxina web do Concello, tamén a través da canle local Televigo. Este ano, a retransmisión en streaming contará cun servizo de Intelixencia artificial para a tradución simultánea do contido en tres idiomas: inglés, francés e portugués. Así, as persoas que sigan a través de Internet o acto poderán elixir o idioma no que queren escoitalo.

Para a cobertura do acto, o goberno municipal ten nestes momentos preto de 90 xornalistas acreditados, de case unha trintena de medios de comunicación.

 

Montaxe da árbore e da estrela da Porta do Sol
Descargar todas as imaxes