Escoitar

O goberno aproba inicialmente os presupostos de 2024: "Transformadores, redistributivos, con carácter social, e incentivadores da economía de Vigo"

A Corporación Municipal de Vigo aprobou este xoves os orzamentos municipais para 2024 co voto a favor do grupo municipal socialista e o rexeitamento dos edís do PP e do BNG. As contas para o próximo exercicio, aprobadas hoxe inicialmente, ascenden a 316,6 millóns de euros. O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, asegura que “atenden a todas as necesidades” da cidade, ademais de afondar na “extraordinaria estabilidade” política e económica dunha urbe que conta con “débeda cero”.

xoves, 23 nov 2023
Pleno de aprobación inicial dos presupostos
Pleno de aprobación inicial dos presupostos

O primeiro paso da aprobación do 17 presuposto consecutivo de Vigo pechouse este xoves co visto e prace inicial a unhas contas que, con 316,6 millóns de euros, supoñen un incremento do 8,4 por cento con respecto ao do presente exercicio, e contemplan un investimento 37,4 millóns de euros, co que se alcanza unha media de 1.000 euros por habitante.

“Transformadores, redistributivos, con carácter social, dinamizadores e incentivadores da economía de Vigo”. Estes son algúns dos cualificativos utilizados polo concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, ao presentar ante o Pleno da Corporación local os novos orzamentos, que asegura que conlevan “a estabilidade e progreso” á cidade.

O edil afirmou que as contas do ano que vén “destínanse integramente” a satisfacer as necesidades de Vigo, por contar con débeda cero cos bancos “e, por tanto, todos os recursos achéganse á cidade”.

Jaime Aneiros destacou que o incremento dos investimentos en 2024 finánciase co incremento da achega do Estado, ata sumar 20 millóns de euros; fronte aos 6,4 millóns que transfire a Xunta de Galicia “que representa menos do 1 por cento do orzamento”.

O concelleiro apuntou que os 35,8 millóns destinados a subvencións de distintos colectivos sociais, culturais ou deportivos, demostran a vocación redistributiva das contas. A ésto suma os 15 millóns en beneficios fiscais ás familias, así como 66 para benestar social comunitario, e outros 24 millóns para educación, con programas como as bolsas de inglés que sitúan a Vigo como a cidade onde se fala máis e mellor en inglés. Recalcou que a deportes destínanse 17,9 millóns de euros; máis de 5 millóns a emprego e máis de 17,5 millóns para parques, xardíns e praias.

Aneiros afirmou que o goberno local ha previsto investimentos en todos os barrios e parroquias, á vez que destacou as obras previstas dentro de “Vigo Vertical” para mellorar a accesibilidade.

A emenda á totalidade do PP e as 138 presentadas polo BNG foron rexeitadas cos votos do grupo municipal socialista.

Abel Caballero: "Aprobamos os presupostos más importantes da historia"

Abel Caballero, tras finalizar o Pleno, puxo en valor a aprobación ,“en tempo e forma” por décimosétimo ano consecutivo, duns Orzamentos que conlevan un aumento de 25 millóns con respecto aos de 2023. “Non hai unha soa cidade en toda España que fixese algo parecido”, afirmou.

O alcalde recalcou que este xoves se aprobaron, “coma sempre cos votos en contra do PP e do BNG”, os orzamentos máis importantes da historia de Vigo, con “máis investimentos, máis política social, máis deporte, máis cultura, máis acción para xerar emprego e seguir transformando a cidade á velocidade á que o estamos facendo”.

O rexedor remarcou os 37,4 millóns que se destinarán a investimentos; a incorporación de novos Fondos Europeos, cos que o Goberno achegou 75 millóns entre 2023 e 2024; así como a inclusión dun “nivel importante de bonificacións, de impostos que se minoran” para familias numerosas, centros educativos, IAE de empresas pequenas, vehículos non contaminantes, e escolas infantís”, entre outros.

Descargar todas as imaxes