Abel Caballero: “O ano que vén convocaremos 50 becas de francés e 50 de alemán, sumadas ás 900 de inglés”
O alcalde avanzou que hoxe e mañá realizarase a entrega de diplomas do programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en inglés”, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo.
O Concello de Vigo dedica un importe anual de 2,2 millóns de euros anuais ao “Vigo en inglés”, no que en cada edición viaxan 900 estudantes aproximadamente.
Como destacou o rexedor, o ano pasado dedicamos case 6 millóns de euros, “xa que viaxaron alumnos de dúas convocatorias, un total de 2.379 estudantes que pasaron tres semanas en Reino Unido e Irlanda”. Na tarde de hoxe entregaranse as acreditacións de 2020-2021 e mañá as de 2021-2022.
Caballero tamén avanzou que a principios de marzo iniciarase o prazo de solicitude das bolsas para este curso, no que como é habitual, obteñen praza todos os estudantes que cumpren os requisitos da convocatoria, sen listas de espera. Ademais, o próximo ano, o Concello abrirá dous novos destinos, coa convocatoria de bolsas de inmersión lingüística en alemán e francés.