Escoitar

Vigo inicia a renovación do torreiro de Valladares con vistas ás festas de San Campio

O alcalde presidiu este xoves o acto simbólico de colocación da primeira pedra dunha reforma de case 250.000 euros de orzamento. Abel Caballero avanzou que o obxectivo do Concello é concluír as obras a tempo para a próxima celebración de San Campio, a finais de agosto.

xoves, 2 xuñ 2022
Abel Caballero, acompañado do bispo e da veciñanza de Valadares.
Abel Caballero, acompañado do bispo e da veciñanza de Valadares.

O alcalde, en declaracións posteriores á visita, explicou que a zona “precisaba dun acondicionamento” xa que actúa de “lugar de encontro” na parroquia e acolle festas, concertos e eventos. Para reformar o torreiro -unha demanda da veciñanza, que en boa parte estivo hoxe xoves presente durante o acto, ademais do bispo e do párroco-, o Concello reserva un orzamento próximo aos 250.000 euros.

Caballero explicou o contido da reforma, que pasa por acondicionar os accesos peonís e rodados, nivelar o pavimento, canalizar e reconducir as augas pluviais, ademais de refacer o palco e do lugar de reunión veciñal. O goberno de Vigo aproveitará as obras para cambiar o alumeado exterior e as instalacións no cuarto de aseo, ademais de colocar novas marquesiñas, bancos e papeleiras.

No tocante á duración dos traballos, o goberno encabezado por Abel Caballero pon as miras na próxima edición das festas, que teñen lugar a finais do mes de agosto: “Calculamos que para a seguinte festividade de San Campio estea xa completamente operativa”, estimou o alcalde sobre a obra.

Descargar todas as imaxes