O Goberno de Vigo renovou unha zona de xogos da Escola Infantil Hernán Cortés
Abel Caballero, quen visitou este mércores a instalación, eloxiou o centro e destacou que o Concello abona tamén máis de 42.000 euros anuais polo alugueiro. O alcalde censurou que sexa Vigo o que teña que afrontar unha “achega moi importante de recursos a unha escola infantil da Xunta de Galicia”.

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, achegáronse este mércores á Escola de Educación Infantil Hernán Cortés, un centro público para alumnado de tres a seis anos no que o Concello vén de renovar unha zona de xogos por importe de 7.000 euros.
En declaracións aos medios de comunicación, o rexedor explicou que o Concello de Vigo paga máis de 42.000 euros anuais polo alugueiro do espazo e ven de adicar outros 7.000 euros para mellorar unha zona de xogos. Caballero puxo en valor a actuación do Concello nunha escola da Xunta de Galicia, unha mostra da “desatención absoluta” do goberno autonómico coa educación en Vigo.
“Unha parte do custo dunha escola da Xunta a paga o Concello, sen ter ningunha obriga”, manifestou Caballero, quen cifrou en 27,4 millóns de euros o que o goberno que preside destinou a educación en tres anos. O Concello cubriu os patios en sete colexios e ultima cubertas para o Villalaura, o Frián-Teis e o Javier Sensat, remodelou 18 pistas polideportivas e fará outras cinco este verán, que son “obriga da Xunta de Galicia”.
Segundo manifestou o primeiro edil vigués, “o 80% das obras que facemos nós nos colexios de Infantil e Primaria son obriga da Xunta”, administración á que acusou de contar “mentiras para tapar a súa desatención absoluta” á educación en Vigo.
A este respecto, Abel Caballero calculou que o futuro instituto de Navia custará “entre doce e quince millóns” e a Xunta dispón unicamente de 50.000 euros, que “non dá nin para quitarlle a maleza á parcela”. Tamén censurou que a Xunta informe dun gasto de 900.000 euros no Santo Tomé cando “son fondos de recuperación do Goberno de España”.



